O Pazo de Arenaza acollerá o día 27 a primeira edición postCOVID da LaconNetwork

mércores, 25 de maio do 2022 S. P.

Imaxes da edición 2019 da LaconNetwork no Pazo de Arenaza

Este venres 27 de maio imos ter unha cita destacada na nosa axenda TIC: a primeira edición postCOVID da LaconNetwork, a cita informal sobre novas tecnoloxías que naceu en 2010 nun xantar onde se xuntaron algúns dos principais pratos da nosa gastronomía, por unha banda, e as cuestións máis relevantes da actualidade dixital galega e internacional, pola outra. Novamente será unha oportunidade inmellorábel para conectar proxectos e emprendedoras e emprendedoras TIC da nosa terra.
A cita celebrarase no Pazo de Arenaza (Oleiros, A Coruña), un espazo pertencente a Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña e no que o equipo organizador destes xantares TIC, coincidindo coa apertura do histórico inmóbel, organizou en 2019 un edición da LaconNetwork á que asistiron máis de 50 empresarios e emprendedores tecnolóxicos de toda Galicia.
En palabras de Frankie Gómez, fundador e impulsor das LaconNetwork, “este evento xunta o tecido TIC de Galicia baixo un paraugas informal pero moi estable polo que pasaron máis de douscentos emprendedores e máis de cen proxectos que participan de forma recorrente”. Gómez tamén lembra que “se ben por causas do COVID as LaconNetwork quedaron pausadas nos últimos dous anos”, “o noso equipo organizou a finais de abril o Galicia Startup Congress, para retomar este venres as citas mensuais cun formato máis familiar e próximo que o dito congreso”.
Este venres 27 de maio o evento iniciarase ás 14:30. Dado que inclúe un xantar informal, para participar no mesmo e requisito previo a inscrición a través da ligazón habilitada na web destes encontros.

PUBLICIDADE