O Parrot DISCO será un dron de ala fixa

mércores, 24 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Dende Parrot parecen ter caído na conta de que o mercado dos drons está moi saturado de cuadricópteros, e tras o seu popular Bebop 2 optan por un camiño diferente co Parrot DISCO, que pretende gañarse ao público como o primeiro dron de ala fixa para o voo inmersivo, xa que a partires do mes de setembro venderase como un lote FPV, ou sexa, de visión en primeira persoa, xa que virá acompañado por un mando semellante ao dunha consola de videoxogos e un casco semellante aos empregados para a realidade virtual que achega unha experiencia inmersiva (dando a impresión de que o usuario pilota o dron como se fose unha avioneta), aínda que o seu prezo sitúa o produto bastante lonxe do que estamos afeitos: 1.299 euros.
Este dron ultralixeiro pode voar até a 80 quilómetros por hora e a súa batería achégalle unha autonomía de até 45 minutos, podendo controlarse mediante Wi-Fi cunha conexión segura que permite que poidamos recibir vídeo en directo dende o dron no noso smartphone (grazas á aplicación FreeFlight Pro), aínda que o mando tamén permite controlar o Parrot DISCO até a 2 quilómetros de distancia, e incluso pode facerse que o trebello retorne ao punto de saída mediante piloto automático.
O Parrot DISCO integra unha cámara Full HD cun estabilizador de 3 eixes, que permítenos ver en tempo real as imaxes que capta grazas ao casco que chaman COCKPITGLASSES, aínda que tamén integra 32 GB de memoria interna para poder rexistrar as gravacións dos voos.
Temos así un produto que en vez de ir dirixido aos entusiastas do fenómeno dron, vai máis enfocado as seareiros do aeromodelismo ou que queiran introducirse en tal disciplina, gozando das facilidades que achegan novos dispositivos como este, que incorpora sistemas automáticos de despegue e aterraxe, piloto automático asistido e incluso modo manual para os máis ousados, que queiran desenvolver habilidades acrobáticas co seu dron de ala fixa.

Vídeo de demostración do Parrot DISCO

PUBLICIDADE