O Parque Tecnolóxico de Galicia ofrece ás súas empresas unha moratoria no pago de alugueiros

xoves, 26 de marzo do 2020 Sonia Pena

Por mor da crise sanitaria derivada da pandemia de COVID-19 e a crise empresarial que se deriva da mesma, o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) vén de poñer en marcha unha medida para botar unha man ás firmas emprazadas no complexo industrial de San Cibrao das Viñas (Ourense). A medida consiste en ofrecer ás empresas arrendatarias unha moratoria dun máximo de tres meses de alugueiro.
Ademais, o Parque acordou ofrecer aos arrendatarios ou propietarios das parcelas da Tecnópole unha moratoria na vindeira factura, correspondente ao segundo trimestre de 2020. Esta cota trimestral, engade a dirección, non se facturará na data prevista do 30 de abril, senón que se prorrateará nos seguintes catro trimestres.
Respecto dos porqués desta decisión, manifestan que “esta medida ten por obxecto axudar a paliar as consecuencias económicas negativas que a crise sanitaria do COVID-19 está a ter no tecido empresarial, unha medida de sensibilidade cara á situación das nosas empresas”.
Enquisa sobre as principais necesidades das empresas
Unha vez iniciada esta situación de estado de alarma, o Parque Tecnolóxico de Galicia decidiu realizar unha enquisa dirixida a todas as súas empresas, co fin de “coñecer o grao de afectación desta circunstancia extraordinaria en cada unha delas”. Como consecuencia, da man da Xunta de Galicia, decidiuse optar por unha moratoria no pago tanto dos alugueiros dos locais como na cota trimestral das parcelas.

PUBLICIDADE