O PP sorprende enviando 1,2 millóns de SMS pedindo o voto

venres, 8 de novembro do 2019 Marcus Fernández

O mes pasado dende Facebook deixaron claro que non aceptarían que os partidos políticos realizasen envíos masivos de comunicacións a través de WhatsApp, e por iso nas últimas horas chamou moito a atención unha das últimas iniciativas coas que o Partido Popular recorreu a pedir o voto no peche de campaña: o envío masivo de 1,2 millóns de mensaxes de texto a través do móbil (SMS) na que Pablo Casado pide o voto e inclúe unha ligazón a un vídeo de YouTube.
Os envíos masivos de SMS sorprende tanto por considerarse que é un método de comunicación en decadencia, e porque a lexislación vixente é moi restritiva no que á comunicacións persoais e o tratamento de datos se refire, pero desta volta dende o PP aseguran que a campaña é totalmente legal, téndose conseguido a relación de números telefónicos a través da empresa Iberinfo, que comercializa bases de datos de usuarios que amosaron nalgún momento a súa disposición a ser contactados por SMS nalgunha ocasión, mentres que FACUA pide unha investigación por parte de Protección de Datos, aínda recoñece que os envíos non son ilegais por non tratarse de comunicacións comerciais.
A confusión ante este tipo de comunicacións debería chamar á reflexión sobre a necesidade dunha lexislación clara, tanto sobre as comunicacións publicitarias como das campañas políticas, xa que pode resultar paradoxal que un cidadán que rexeitou a cesión da súa información censual para a propaganda electoral poida recibir a propaganda a través de comunicacións ao chou ou recorrendo a bases de datos das que non está nada clara a autorización por parte dos usuarios para tal tratamento.

Vídeo ao que remiten as mensaxes de texto enviadas hoxe

PUBLICIDADE