O PP inclúe 100 Mb de velocidade e Internet por fibra óptica no seu programa electoral

xoves, 21 de febreiro do 2008 Raquel Noya

A estas alturas da precampaña electoral para as eleccións xerais do vindeiro 9 de marzo son poucos os partidos que non botaron man, entre outras cousas, de Internet, do canon dixital ou das novas tecnoloxías para incluír bondadosas ofertas de interese para a sociedade nos seus programas electorais.
O Partido Popular tamén participa desta teima en inserir “promesas tecnolóxicas”. E faino incluíndo no seu programa electoral “o acceso a Internet e a redes de fibra óptica con velocidades de ata 100 megas para o 50 por cento dos fogares españois” antes da fin da vindeira lexislatura.
Para esta data, os representantes do PP agardan que tódalas universidades, parques tecnolóxicos e centros de educación secundaria dispoñan de acceso por fibra óptica a velocidades superiores aos 100 megas e, para isto, propúxose darlle un meirande pulo á rápida instalación de redes de fibra óptica como unha vía “para mellorar a eficiencia da economía” así como para promover o despregue das redes móbiles para o acceso a Internet e servizos multimedia.
Asemade, o partido da actual oposición asegura que no seu programa vai apoiar o emprego das tecnoloxías sen fíos, para o que desenvolverá zonas Wi-Fi de acceso libre a Internet en espazos públicos como museos, campus universitarios, zonas de lecer, bibliotecas, espazos deportivos...
Por outra banda, o PP asegura que “fará fincapé na protección dos dereitos dos consumidores nos servizos de telecomunicación, establecendo un mecanismo que permita darse de baixa de xeito inmediato e de balde dos servizos contratados cos operadores” e tamén apostará pola “posta en funcionamento da televisión dixital móbil” e “garantirá unha televisión público con contidos de calidade e de interese para a internacionalización de España e da súa lingua” (Mágoa que Tele 5 xa quitara o “tomate” da súa grella de programación, porque sería un aliciente estupendo para incluír como promesa electoral).
A grandes trazos, outras das cousas que o PP vén de incluír no seu programa (electrónico) son: impulsar a implantación efectiva do DNI electrónico, promover a factura electrónica, poñer en marcha o expediente único electrónico, garantir a formación dos funcionarios públicos en materia de novas tecnoloxías, impulsar a adaptación da Xustiza á sociedade da información, fomentar a creación dunha industria baseada no emprego de equipos electrónicos... Dito doutro xeito: de saíres vitoriosos, vainos saír a electrónica até polas orellas nos vindeiros catro anos de mandato.

PUBLICIDADE