O Oppo Reno sorprende coa súa curiosa cámara frontal retráctil

mércores, 10 de abril do 2019 Marcus Fernández

Durante o Mobile World Congress de Barcelona Oppo amosou o funcionamento da súa cámara cun teleobxectivo de até 10 aumentos, e agora xa temos un smartphone que fai uso desta tecnoloxía dun xeito bastante orixinal: o Oppo Reno.
Este novo teléfono cun procesador Qualcomm Snapdragon 855 e unha pantalla AMOLED de 6,6 polgadas cunha resolución de 2.340 x 1.080 píxeles sen ningún tipo de pestana ou perforación, consegue ter unha frontal todo pantalla grazas a que a súa cámara frontal de 16 Mpíxeles está agochada nun mecanismo retráctil cun sistema semellante a un abano, o que claramente será o sinal de identidade deste dispositivo.
Pero as súas cámaras traseiras tamén serán moi importantes, xa que a súa cámara principal de 48 Mpíxeles está acompañada cun grande angular (120 graos) de 8 Mpíxeles e un teleobxectivo de 12 Mpíxeles cun zoom híbrido de 10x.
O Oppo Reno tamén conta con NFC, lector para tarxetas microSD, lector de pegadas en pantalla e unha batería de 4.065 mAh, polo que estamos ante un dispositivo bastante completo que estará dispoñible a un prezo que parte dos 3.999 iuans (528 euros) no seu modelo de grande tamaño, existindo tamén unha versión con pantalla de 6,4 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 710, sen lector de microSD e con batería de 3.765 mAh que consegue reducir o seu prezo até os 2.999 iauns (396 euros). Os distintos modelos están dispoñible con 6/8 GB de RAM e 128/256 GB de almacenamento interno.

PUBLICIDADE