O Oppo R7s terá 4 GB de RAM

luns, 19 de outubro do 2015 Marcus Fernández

O fabricante chinés Oppo continúa a mellorar o seu catálogo de smartphones, e agora engade o Oppo R7s, teléfono de elevadas prestacións e coidado deseño que veremos en Europa no mes de decembro e que polo momento non sabemos o prezo que terá, aínda que si o detalle das súas especificacións.
Un dos puntos fortes do Oppo R7s é a súa batería de 3.070 mAh, que conta con tecnoloxía carga rápida VOOC Flash Charge, de xeito que non só teriamos un smartphone capaz de aguantar un día enteiro sen problema, senón que con só 5 minutos de carga poderá facilitarnos enerxía dabondo para unha conversa telefónica de 2 horas (chegando ao 90% de carga en só 50 minutos).
Estamos ante un smartphone de grande potencia, cun procesador de 8 núcleos Qualcomm Snapdragon MSM8939, 4 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria microSD de até 128 GB), pantalla AMOLED Full HD de 5,5 polgadas, cámaras de 13 e 8 Mpíxeles, LTE, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, un grosor de 6,95 milímetros e un peso de 155 gramos. Funciona con ColorOS 2.1 (baseado en Android 5.1) e conta cunha bandexa na que podemos introducir unha micro SIM e unha nano SIM, ou unha micro SIM e unha microSD, de xeito que temos as vantaxes de dobre SIM e ampliación de memoria interna mantendo unha carcasa integral de metal que dota ao terminal de resistencia e elegancia.

PUBLICIDADE