O OnePlus 7T xa é oficial

xoves, 26 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Aínda que a presentación europea do OnePlus 7T non está prevista até o vindeiro 10 de outubro, este novo smartphone xa é oficial nos EE.UU., polo que coñecemos as súas especificacións, que suben un chanzo máis no nivel dos smartphones desta marca que conseguen combinar prestacións de alta gama con prezos axustados, sen esquecer detalles claramente diferenciadores como unha pantalla de 90 Hz de refresco, coa que consegue unha experiencia máis fluída.
Pero a pantalla AMOLED de 6,55 polgadas non se limita a destacar pola velocidade de refresco, senón que tamén conta con tecnoloxía HDR10+ e unha relación de aspecto case ultrapanorámica (20:9). O novo teléfono tamén integra un potente procesador Qualcomm Snapdragon 855+, 8 GB de RAM, 128 ou 256 GB de almacenamento UFS 3.0, cámara traseira tripla (con sensores de 48 Mpíxeles na cámara principal, 12 Mpíxeles no telefoto e 16 Mpíxeles no ultra grande angular), cámara frontal de 16 Mpíxeles, batería de 3.800 mAh con carga rápida a 30 watts (capaz de completar o 70% da carga en 30 minutos), Bluetooth 5.0, NFC, lector de pegadas en pantalla e sistema operativo baseado en Android 10.
Este novo smartphone chegará aos EE.UU. a un prezo de saída de 599 dólares, o que non é competencia para marcas como Xiaomi, pero que compénsase coa garantía que ofrece este fabricante, que nos últimos anos conseguiu converterse nun dos grandes referentes de móbiles con Android de alta gama (sen chegar aos prezos de marcas como Samsung).

Vídeo promocional do OnePlus 7T

PUBLICIDADE