O OnePlus 3T chega con 6 GB de RAM e carga rápida

martes, 15 de novembro do 2016 Marcus Fernández

O fabricante chinés OnePlus continúa na súa teima de competir cos móbiles insignia de grandes compañías, igualándoos en prestacións, pero ofrecendo un prezo moito máis axustado, e por iso anuncia unha actualización do seu OnePlus 3, o OnePlus 3T, que poderemos mercar a partires do 28 de novembro a un prezo que parte dos 439 euros e que desta volta presume de Dash Charge, un sistema de carga rápida, segura e fría que en media hora achegará enerxía dabondo para que o móbil puidese funcionar todo o día. A carga total da batería sería de 3.400 mAh, o que tamén supón un incremento de capacidade do 13% con respecto ao modelo anterior.
Estamos ante un smartphone de elevada potencial, que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 821, con 6 GB de RAM (LPDDR4), 64/128 GB de almacenamento interno (UFS 2.0), unha boa cámara traseira Sony de 16 Mpíxeles con apertura f/2.0 e gravación de vídeo 4K, cámara frontal tamén de 16 Mpíxeles, A súa pantalla de 5,5 polgadas ten unha resolución Full HD e protección Corning Gorilla Glass 4, funciona nas principais bandas do LTE (incluíndo a nova banda dos 800 MHz), ten sensor de pegadas dixitais, acepta dúas tarxetas nano SIM, cárgase por USB-C, conta con conector de audio de 3,5 milímetros, ten NFC, Bluetooth 4.2 e Wi-Fi AC, o seu grosor é de 7,35 milímetros e pesa 158 gramos. Está construído nun resistente aluminio anodizado de cor dourada suave ou metálica e funciona unha versión de OxygenOS que pretende unha experiencia próxima á da versión básica de Android 6.0, pero cun maior nivel de personalización e con funcionalidades inspiradas en Android 7.0.

Vídeo promocional do OnePlus 3T

PUBLICIDADE