O Nubia Z5 mini chega como outro móbil chinés a ter en conta

martes, 16 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Os fabricantes chineses non paran de sorprendernos con terminais de altas prestacións e prezos axustados, e o que hoxe coñecemos vén da man de Nubia, un selo de ZTE, que vén de incorporar ao seu catálogo o Z5 mini, que vén a ser unha versión reducida do Nubia Z5 (smartphone con pantalla Full HD de 5 polgadas), que limita a súa pantalla a unhas non pouco xenerosas 4,7 polgadas (a 720p) e reducindo o seu almacenamento interno ata os 16 Gb (ampliables mediante tarxetas de memoria de ata 32 Gb), detalles que permítenlle ter un prezo de só 1.888 iuans (234,38 euros), o que podemos considerar unha ganga para estarmos ante un dispositivo con procesador Snapdragon S4 Pro de catro núcleos a 1,5 GHz, 2 Gb de RAM e batería de 2.300 mAh.
O Nubia Z5 mini ten un grosor de 10,3 milímetros, pesa 160 gramos, funciona con Android 4.2, cámaras de 13 e 5 Mpíxeles e carcasa dispoñible en varias cores, polo que parece chamado a gañarse un espazo de seu no mercado, ao combinar con bastante fortuna unha aparencia atractiva, unhas prestacións elevadas e un bo prezo. Os usuarios máis esixentes tamén poden ter en conta o Nubia Z5, que parte dun prezo de 2.788 iuans (346,10 euros).

PUBLICIDADE