O Nokia X chega ao millón de unidades reservadas en China
venres, 14 de marzo do 2014
A proposta de Nokia para introducir móbiles con Android
centrados nos servizos de Microsoft en mercados emerxentes podería parecer arriscada
ou, como mínimo, rechamante (por estar a piques de pasar a compañía a operar
baixo o control da compañía de Redmond), pero parece que a demanda dos
dispositivos da familia Nokia X vai ser bastante boa, e dende Nokia celebran
que en China xa reservaron un millón de terminais Nokia X.
Esta enorme cantidade de pedidos recibiuse en só 4 días, e a partir do 25 de
marzo comezaremos a ver cal é a resposta real do público ante este novo
smartphone, pois será cando comece a distribuírse no país asiático. ¿Convencerá
esta nova gama de produtos entre as familias Lumia e Asha? ¿Será capaz de
satisfacer aos usuarios un móbil con Android que carece dos servizos de Google
de xeito oficial? Dende Nokia parecen
confiados en que será así, e apostan por terminais moi ben construídos a prezos
bastante axustados que parten de 89 euros (libres) e que teremos a fortuna de
ver no mercado español (onde estiman que hai espazo para este tipo de teléfonos
económicos).