O Nokia Lumia 928 estrearase nos EE.UU.

venres, 10 de maio do 2013 Marcus Fernández

O Lumia 928 presume de tomar boas imaxes con pouca luz

Tras o lanzamento do Nokia Lumia 920 moitos foron os rumores que apuntaban a que contaría cunha versión redeseñada en poucos meses, e finalmente ve a luz nos EE.UU. da man da operadora Verizon o Nokia Lumia 928, que pretende converterse no novo móbil insignia de Nokia mantendo practicamente as mesmas prestacións que o seu predecesor, pero integrando un flash de xenon, amosando unha aparencia máis estilizada que chega a afectar ao seu peso (que baixa dos 185 aos 162 gramos) e mudando a tecnoloxía de pantalla de IPS a AMOLED e os altofalantes (pasou de dous pequenos altofalantes na parte inferior a un grande altofalante na parte traseira).

O móbil presenta un deseño diferente ao do Lumia 920

O Nokia Lumia 928 porase á venda o vindeiro xoves nos EE.UU. a un prezo de 99 dólares (cun compromiso de permanencia de 2 anos con Verizon) que como principal argumento comercial emprega a súa cámara fotográfica de 8,7 Mpíxeles, cunha apertura f2.0, estabilización óptica de imaxe, flash de xenon e unha chea de software de Nokia que consegue superar ao resto de móbiles do mercado na gravación de vídeo e na captura de imaxes en condicións con pouca luz. Este novo móbil fuxe da variedade cromática do Lumia 920, e ofrécese só en cores sobrias (branco ou negro).
O martes que vén ás 11:00 está previsto que Nokia dea unha rolda de prensa en Londres, que podería servir para anunciar os plans de comercialización deste novo móbil en Europa.


Vídeo de toma de contacto co novo Lumia 928

O Nokia Lumia 928 convértese no novo móbil insignia de Nokia

PUBLICIDADE