O Nokia Lumia 1020 comezará a venderse en España en outubro
mércores, 25 de setembro do 2013
Se en algo destacaron os móbiles da familia Lumia de Nokia
nos últimos meses é pola incorporación de cámaras de grande calidade na súa
alta gama, e no caso do Lumia 1020
pretende converterse en toda unha revolución por empregar un sensor de 41
Mpíxeles con estabilización óptica como unha solución para reinventar o zoom, de xeito que o
usuario pode tomar unha imaxe dunha resolución moito máis elevada do razoable
para despois poder recortala quedando cunha fotografía cunha calidade moi boa
(suplindo a carencia dun zoom óptico no móbil), e finalmente Nokia anuncia que
este smartphone presentando a primeiros de xullo vai chegar ao mercado español.
Este magnífico móbil con Windows Phone 8 ten previsto a súa chegada a España
como terminal libre o vindeiro 4 de outubro, en cor amarela, branca e negra, e
a un prezo estimado de 699 euros, aínda que tamén haberá operadores de
telefonía que distribuirán o móbil (de feito, Movistar contará en exclusiva
cunha versión que contará cunha capacidade de almacenamento interna de 64 Gb en
vez dos 32 Gb do modelo ordinario).
O Nokia Lumia 1020 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon S4 de dobre
núcleo a 1,5 GHz, ten unha pantalla de 4,5 polgadas cunha resolución de 1.280 x
768 píxeles, a súa batería é de 2.000 mAh (con carga sen fíos e capaz de
ampliarse mediante unha carcasa externa deseñada para facilitar o uso do móbil
como cámara fotográfica) e, dada a resolución coa que toma as fotografías, é o
primeiro smartphone do mercado con Windows Phone e vir equipado con 2 Gb de
RAM.
- Un accesorio amplía a autonomía do móbil e facilita un agarre máis cómodo para a toma de fotografías