O Nokia 3310 podería volver ao mercado

martes, 14 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

O Mobile World Congress vai servir de escenario para coñecer os plans de futuro de HMD Global Oy coa súa marca Nokia, máis aló do Nokia 6 que polo momento só se comercializará en China, e xa hai rumores que apuntan a varios teléfonos móbiles como serían os smartphones Nokia 3 e Nokia 5 e un teléfono básico que pilla a moitos por sorpresa, xa que sería unha reedición dun clásico, o Nokia 3310, terminal moi básico que custaría 59 euros e estaría claramente orientado a usuarios que precisen dun teléfono simplemente para estar localizables.
Nokia ten previsto presentar os novos dispositivos o vindeiro día 26 en Barcelona, e mentres do Nokia 3 coméntase que estariamos ante un teléfono con Android de entrada que custaría 149 euros, sobre o Nokia 5 dan máis detalles, como que tería unha pantalla de alta definición de 5,2 polgadas, 2 GB de RAM e cámara de 12 Mpíxeles, ou sexa, que sería unha versión económica do Nokia 6 (custaría 199 euros, o que suporía unha diferenza de prezo duns 50 euros).

PUBLICIDADE