O Nokia 225 chega como un móbil económico capaz de conectarse á Internet

mércores, 9 de abril do 2014 Marcus Fernández

Ás portas da súa absorción por parte de Microsoft, a compañía finlandesa continúa a lanzar móbiles económicos, consciente do seu grande mercado global, especialmente polos mercados emerxentes, polo que amplía o seu catálogo de teléfonos co Nokia 225, que chegará ao mercado no segundo trimestre do ano en versión con 1 e 2 SIM por un prezo libre (sen impostos nin subvencións) de 39 euros, converténdose nunha boa opción para o que quere un móbil para falar e mandar mensaxes de texto, coa posibilidade de facer uso da Internet de xeito puntual (integra aplicacións de Facebook e Twitter, así como o navegador web Xpress Browser de Nokia).
O Nokia 225 ten unha pantalla de 2,8 polgadas cunha resolución de 320 x 240 píxeles, Bluetooth 3.0, radio FM, lector de tarxetas microSD de ata 32 Gb, cámara de 2 Mpíxeles, batería de 1.200 mAh (cunha autonomía de ata 21 horas en conversa e ata 36 días en espera), conector para auriculares, un grosor de 10,4 milímetros e un peso de 100,59 gramos, prestacións que o converten nun dispositivo con grandes posibilidades para os que o uso da Internet non é unha cuestión prioritaria. Chegará ás tendas en 5 cores (negro, branco, verde, amarelo e vermello).


Vídeo promocional da versión de dobre SIM do Nokia 225

PUBLICIDADE