O Nexus 6p sae á venda en España

luns, 23 de novembro do 2015 Marcus Fernández

A última xeración de smartphones da familia Nexus xa están dispoñibles en España, pois o Nexus 6p, terminal que faltaba por comercializarse en España tras a súa presentación hai un par de meses, xa pode mercarse a nivel europeo tras estabilizarse o seu subministro nos EE.UU. Dende hoxe o Nexus 6p pode adquirirse en Alemaña, Francia, Italia, Reino Unido, Países Baixos Portugal e España a un prezo de 649 euros para o modelo con 32 GB de almacenamento interno e de 699 euros con 64 GB de capacidade, mentres que o modelo de 799 euros con 128 GB de almacenamento está aínda pendente de chegar ao noso territorio. O outro móbil da familia, o Nexus 5X, está á venda por 479 euros no modelo con 16 GB e a 529 euros o seu modelo con 32 GB.
A curiosidade do Nexus 6p é que sería o primeiro smartphone da familia en estar fabricado por Huawei. Chega en 3 cores diferentes (aluminio, grafito e branco neve) e para suavizar lixeiramente a elevada diferenza de prezo entre os mercados norteamericano e europeo (o prezo de partida noso EE.UU. deste teléfono é de 499 dólares) os compradores do novo terminal recibirán de balde un dos novos Chromecast (valorado en 39 euros), promoción que estará dispoñible até o 8 de decembro.
O Nexus 6p é un smartphone con pantalla AMOLED de 5,7 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles), procesador Qualcomm Snapdragon 810 (bastante polémico por quecer en exceso), 3 GB de RAM (LPDDR4), unha cámara traseira de 12,3 Mpíxeles considerado como unha das mellores do mercado actualmente, cámara frontal de 8 Mpíxeles, lector de pegadas dixitais, batería de 3.450 mAh (que promete durar todo o día é que pode cargarse mediante un porto USB tipo C, ou sexa, reversible), un grosor de 7,3 milímetros e un peso de 178 gramos. É un dos primeiros teléfonos en chegar ao mercado con Android 6.0.
Un interesante produto para os que gusten de smartphones de grande tamaño e de gozar das actualización oficiais de Android con prioridade.

O Nexus 6p ten unha enorme pantalla de 5,7 polgadas
A batería de 3.450 mAh do Nexus 6p promete achegarlle unha autonomía dabondo para todo o día

PUBLICIDADE