O NeThinking devolveu a reflexión sobre as redes sociais e a comunicación á Illa de San Simón

xoves, 8 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Tras 2 xornadas de actividade, rematou o segundo encontro #NeThinking, que levou á Illa de San Simón o debate sobre temas como os cambios que están a provocar na nosa sociedade as redes sociais, a necesidade de novos modelos de negocio para a industria dos contidos na conxuntura actual, os cambios que a Rede está a provocar na comunicación, a protección da propiedade intelectual, a fiabilidade dos contidos na Rede, a problemática da saturación da información... e mesmo unha mirada cara o futuro, conseguindo que, aparte dos participantes presentes na Illa do Pensamento, moitas persoas puidesen xuntarse ao debate a través de Twitter, ferramenta que resultou fundamental no evento, e que segundo varios dos presentes, é actualmente o sistema nervioso da información na Rede.

O conselleiro de Cultura clausurou hoxe en San Simón o segunda edición de NeThinking

Encargouse de pechar o encontro o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, quen destacou a importancia das novas tecnoloxías, do seu coñecemento e uso e, ao fío do mesmo, asegurou que “a Illa de San Simón é estes días un centro de intercambio de ideas sociais e universalmente recoñecida”, engadindo á súa reflexión que “resulta sorprendente que calquera persoa, desde calquera punto do planeta, puidera seguir en tempo real, por streaming e Twitter, cada un dos paneis temáticos deste encontro que agora remata”.
Participaron no NeThinking numerosos expertos nas redes sociais e activos blogueiros que analizaron a revolución de Internet e os retos que a Rede implica como plataforma de comunicación e relacións sociais. Así entre os asistentes estiveron o director do master de comunicación dixital da Universidade de Alcalá de Henares, Javier Celaya; o xornalista, Antón Losada; o líder do grupo Siniestro Total, Julián Hernández; e o community manager de La Voz de Galicia, Nacho de la Fuente, entre outros relatores.

Repercusión do evento

O encontro, que non contou con público presente na Illa de San Simón, foi retransmitido por streaming e por Twitter, empregando o hashtag Nethinking2012, a través do que os seguidores enviaron todas as súas preguntas durante estás dúas xornadas de debate e reflexión. Segundo a organización, o evento tivo un seguimento de máis de 5.000.000 de impresións e por enriba de 1.300.000 seguidores, o que supón mais do dobre e un 33% máis que o ano pasado respectivamente.
Pero as repercusións do evento non están limitadas ao tempo real, senón que os interesantes debates destas 2 xornadas poden verse en diferido a través de Livestream, servizo de vídeo que permite así una reprodución máis pausada dos contidos, superando tamén o atranco que supón o seguimento dun evento no que para a meirande parte da poboación é horario laboral.

Moitas anécdotas durante o encontro

Xuntar a xente tan activa nos medios de comunicación e as redes sociais facilita que os seus comentarios teñan un amplo eco na Rede, pero hai que admitir que durante o evento si houbo declaracións e anécdotas que merecían destacarse, resultando especialmente divertida a que se xerou ao redor de Julián Hernández, de Siniestro Total, que durante a primeira xornada do NeThinking destacaba por ser practicamente o único asistente sen un portátil ou un tablet, xa que acudiu armado cun caderno e un bolígrafo, pero antes de rematar a segundo xornada, e ante a presión de todos os seus compañeiros de faladoiro rematou estreando conta en Twitter, superando os 100 seguidores en menos dunha hora.
Non deron menos que falar as declaracións de Antón Reixa durante unha conversa sobre propiedade intelectual, na que asegurou que para un uso normal da Rede non era precisa a banda larga, atribuíndo ás operadoras de telecomunicacións os males da industria cultural, o que foi moi criticado polo resto de participantes, rebatido amplamente na Rede e mesmo dando pé a risas cada vez que alguén citaba a banda larga durante o evento.
Non faltaron as voces que apuntaron a que un dos grandes problemas que levan a moitos españois a recorrer ás descargas de contidos por canles non oficiais é ausencia dunha oferta de contidos legais na Rede, así como a falta de valor engadido a moitos contidos, expondo como contraste ás descargas a Spotify, e como varios dos presentes levan un par de anos sen descargar música grazas a este servizo de streaming polo que pagan para ter vantaxes como a ausencia de publicidade ou a posibilidade de levar a música nun dispositivo móbil.
Non faltaron as reflexións sobre o abuso que estamos a facer das ferramentas sociais, a constante confusión entre a comunicación pública e a privada, o exceso de importancia que se dá ao número de seguidores en redes sociais, o exceso de contidos informativos na Rede en contraste co pouco tempo que temos os usuarios de consumilos e mesmo a falta de atractivo da información que ofrece a prensa para xustificar o pago pola mesma. Temas recorrentes neste tipo de eventos, pero que, ao contar cunha participación de perfís variados, puido enfocarse dende ángulos diferentes, que enriqueceron o debate e deixaron claro que estamos moi lonxe de chegar a conclusións sólidas, polo que futuras edicións de NeThinking parecen garantidas.


Lectura das conclusións do evento

A estrea de Julián Hernández en Twitter foi a principal anécdota da presente edición de NeThinking

PUBLICIDADE