O NOOK táctil estrea versión con luz

venres, 13 de abril do 2012 Marcus Fernández

Ler a escuras será doado co novo NOOK

A cadea norteamericana de librarías Barnes & Noble presentou o seu novo NOOK Simple Touch con GlowLight, unha versión do seu eReader con pantalla táctil que sobre o seu panel de papel electrónico incorpora unha lámina luminosa que pode regularse para facilitar a lectura a escuras, polo que conseguiríase unha experiencia semellante á dos tablets, de xeito que estamos ante un lector de libros electrónicos que resulta tan axeitado para usar na cama como na praia.
O novo lector de e-books comezará a distribuírse o 1 de maio e o seu prezo de venda será de 139 dólares (106,20 euros). Podemos lembrar que este dispositivo, que leva bastante tempo competindo con Kindle de Amazon (e que podería chegar tamén a Europa nos vindeiros meses), conta coa última xeración de pantallas E Ink de 6 polgadas, a súa capacidade interna é de 2 Gb (ampliable mediante tarxetas microSDHC de ata 32 Gb), conta cunha autonomía que pode superar o mes (e chegar aos 2 meses de non empregar a función de iluminación), a súa interface de uso táctil é moi doada de empregar, ten conectividade Wi-Fi N, conta cun catálogo de máis de 2,5 millóns de libros e incluso permite emprestar volumes aos amigos coa tecnoloxía LendMe. En contrate co Kindle de Amazon, o NOOK pode ler sen problemas documentos en formato ePUB, considerado o estándar para libros electrónicos.
A funcionalidade de iluminación nun eReader curiosamente non é habitual que se integre nos dispositivos de lectura, senón que normalmente solucionábase a través de fundas con luz ou luces de lectura cunha pinza para colocar nun eReader ou nun libro tradicional.


Vídeo de presentación do novo NOOK

O uso da iluminación do novo NOOK achega unha experiencia de lectura na escuridade semellante á dun tablet

PUBLICIDADE