O Ministerio Industria di que case a metade da poboación está xa adaptada ao Dividendo Dixital

xoves, 27 de novembro do 2014 Fernando Sarasketa

O Ministerio Industria achegou esta semana un informe sobre as actuacións levadas a cabo ao abeiro do arranque da liberación do Dividendo Dixital, como lembraremos o proceso que implica o despregamento da tecnoloxía 4G na banda 800 Mhz (polo de agora, xa que se prevé a liberación de máis puntos do espectro), o que fixo preciso que se deixase ceiba esta banda e que se levase a cabo unha adaptación xeral das antenas dos edificios. Segundo se fai constar no informe, o 90% da oferta está garantida para máis do 90% da poboación, mesmo se non se realiza a adaptación. O Goberno engade que nos meses de setembro e outubro, 252.000 comunidades de propietarios contrataran a adaptación das súas antenas colectivas e 83.066 edificios completaran a adaptación. “Con iso o 49% da poboación está xa totalmente adaptada ao dividendo dixital”, explican fontes de Industria.
Industria tamén lembra que os cidadáns poderán solicitar as axudas do Goberno para as adaptacións de antenas colectivas até o 30 de xuño de 2015. Engade que máis de 28.000 comunidades de propietarios xa pediron estes apoios económicos para os seus respectivos procesos de reaxuste.
Lembrar que esta primeira liberación do Dividendo culminou o pasado 26 de outubro, cando se realizou o proceso de reordenación das canles de televisión dentro das múltiples dixitais do novo Plan Técnico da TDT e produciuse a resintonización dos televisores. O que se comezou a facer nesa data foi, para entendérmonos, o ceibado da banda de 800 Mhz, co fin de poñela a disposición dos operadores de telecomunicacións para o despregamento do 4G, cousa que chegará ao seu remate o vindeiro 1 de xaneiro de 2015. “Isto suporá importantes beneficios económicos e sociais para a cidadanía”, opina o Goberno, que engade “que a tecnoloxía 4G sobre a banda de 800 MHz implica un incremento dos servizos de datos móbiles de alta velocidade cun mellor servizo nos interiores dos edificios e unha maior cobertura xeográfica reducindo desta maneira a chamada fenda dixital”. Por certo que estes e outros datos contrastan directamente cos achegados recentemente en Santiago pola empresa de telecomunicacións vía satélite SES Astra, especialmente crítica non só con estes procesos senón tamén co propio feito de que dende as administracións implicadas se tivera apostado unívoca e integralmente pola tecnoloxía da Televisión Dixital Terrestre, unha tecnoloxía que, polos seus límites, obriga cada pouco a levar a cabo reaxustes co gallo de acubillar nela máis servizos e máis sectores (o caso da tecnoloxía 4G e os operadores de telefonía é un claro exemplo disto).

PUBLICIDADE