O Mi 8 chegará a España o 20 de agosto

mércores, 8 de agosto do 2018 Marcus Fernández

A finais de maio presentáronse en China os novos smartphones insignia de Xiaomi, os Mi 8, e hoxe, aproveitando que é o día 8 do mes 8, consideraron que era un bo momento para presentalo en España, de xeito que xa sabemos cando chegará oficialmente ao noso territorio (o vindeiro día 20) a un prezo que parte dos 499 euros. O modelo básico que teremos en España é o de 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, estando tamén dispoñible unha variante con 128 GB de capacidade que incrementa o seu prezo en 50 euros.
O Mi 8 é un smartphone de alta gama, que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 845, ten unha xenerosa pantalla AMOLED de 6,21 polgadas (con pestana superior), a súa cámara traseira dual de 12 + 12 Mpíxeles estaría á altura de terminais como o iPhone X ou o Google Pixel 2, a súa cámara traseira ten un sensor de 20 Mpíxeles, a súa batería de 3.400 mAh soporta carga rápida e o seu corpo de vidro cun marco de aliaxe de aluminio chegará inicialmente en cor negra, aínda que máis adiante poderemos mercar o dispositivo tamén en cor branca ou azul.

O Mi 8 estará dispoñible en 3 cores e o seu prezo partirá dos 499 euros

Vídeo de presentación do Mi 8

PUBLICIDADE