O Meizu M3S, un novo smartphone chinés con magnífica relación calidade-prezo
luns, 13 de xuño do 2016
Cando falamos de smartphones de marca chinesa con certo
nivel de calidade nos seus acabados, e cunhas prestacións notables, que se
converten nos referentes en relación calidade-prezo, habitualmente citamos a
Xiaomi, pero outra compañía leva un par de anos poñéndolle as cousas difíciles,
Meizu, que vén de presentar o seu novo Meizu M3S, un novo
terminal que promete ser un super-vendas por ser extraordinariamente completo
mantendo o seu prezo en só 699 iuans (94,21 euros) no seu modelo básico.
Pese ao seu prezo tan contido, estamos ante un smartphone 4G con carcasa de
metal (en cor dourada, rosa, prata ou chumbo), pantalla de 5 polgadas de alta
definición con cristal con curvatura 2,5D, un procesador MediaTek MT6750 de
oito núcleos a 1,5 GHz, 2/3 GB de RAM, 16/32 GB de almacenamento interno, cámaras
de 13 e 5 Mpíxeles, lector de pegadas dixitais no botón de inicio, batería de
3.020 mAh e sistema operativo Flyme OS baseado en Android 5.1. O seu grosor é
de só 8,3 milímetros e o seu peso de 138 gramos.
Os usuarios máis esixentes poderán facerse co modelo con 3 GB de RAM e 32 GB De
almacenamento interno por 899 iuans (121,18 euros), e aínda que polo momento só
se vende en China, é de esperar que en poucos meses estea tamén dispoñible a
través de tendas ordinarias como acontece con outros teléfonos populares deste
fabricante, podendo converterse nun terminal de entrada moi habitual.