O Meizu M2 quere conquistar a gama media dos smartphones cun prezo moi axustado

mércores, 29 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Cando parecía que o Moto G o ía ter doado para consolidarse como un terminal de gama media de referencia, o fabricante chinés Meizu non quixo pórlle as cousas doadas, e presentou o seu Meizu M2, un smartphone que limita a súa pantalla IPS ás 5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, que parece o tamaño máis equilibrado actualmente, e ao que lle suman unhas prestacións realmente impresionantes para un dispositivo que pretende venderse a 96 dólares (87,54 euros).
O Meizu M2 funciona cun procesador MediaTek MT6735 de catro núcleos a 1,3 GHz e 64 bits que corre sen problema Flyme OS 4.5 (sistema operativo personalizado por Meizu que está baseado en Android 5.1), vén cunha configuración de memoria moi xenerosa (2 GB de RAM e 16 GB de almacenamento interno), non escatima na resolución das súas cámaras (13 e 5 Mpíxeles), conta cunha bandexa para dúas tarxetas SIM (podendo ter conectividade 4G calquera das mesmas) co posibilidade de empregar a rañura para a SIM principal como lector de tarxetas de memoria de até 128 GB, conta cunha batería de 2.500 mAh fabricada pro Sony, o seu grosor é de só 8,7 milímetros, o seu peso de 131 gramos e está dispoñible con carcasas de catro cores distintas (branca, gris, azul e rosa).
Pese a que estamos ante un terminal de baixo custo, non esquece detalles como flash na súa cámara, ou protección Corning Gorilla Glass 3 na súa pantalla; a súa Wi-Fi soporta dobre banda (802.11 n/g/b/a) e tamén conta con Bluetooth 4.0 compatible co modo de baixo consumo. En definitiva, un terminal que podería competir seriamente co Moto G de terceira xeración por case a metade de prezo.

O novo smartphone de Meizu ten potencia dabondo para correr xogos actuais sen grande problema grazas ao seu procesador de 4 núcleos, a súa gráfica Mali T720 e os seus xenerosos 2 GB de RAM

PUBLICIDADE