O Máster en Ciberseguridade da UVigo e a UDC converterá a nosa terra nunha factoría de especialistas en protección
venres, 25 de maio do 2018
A ciberseguridade é un problema que nos atinxe a
todas e todos. Para atallala e obter respostas de utilidade, non hai
dúbida de que unha resposta primeira e inapelábel é o subministro
de profesionais cualificadas/os e con coñecementos avanzados na
materia ás empresas, organismos e entidades públicas da nosa
contorna e de máis alá. Esta é unha das razóns de ser do Máster
en Ciberseguridade que se
presentou onte pola mañá e que a partir do vindeiro curso 2018-2019
impartirán as universidades de Vigo e A Coruña.
En palabras de Ana Fernández Vilas e Carlos
Carlos Dafonte, docentes e coordinadores do máster, o obxectivo é
adestrar profesionais ben formados nas técnicas, procesos e
aplicacións da ciberseguridade e da protección da información. Ao
rematar o mestrado, terán capacidade para dar forma a sistemas
seguros de datos. A iniciativa conta coa participación dos centros
AtllantTIC (Universidade de Vigo) e CITIC (Universidde da Coruña).
O programa, que ofrecerá 40 prazas, 20 por cada
unha das dúas sedes, foi dado a coñecer ao detalle no salón de
actos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, nun acto que
comezou coas intervencións do reitor en funcións da Universidade de
Vigo, Salustiano Mato, e da vicerreitora de Oferta Académica e
Innovación Docente da Universidade de A Coruña, Nancy Vázquez.
Segundo fixeron saber, o mestrado consta de 90
créditos ECTS, divididos en tres semestres, cun primeiro ano de
clases presenciais, a elixir entre as sedes de A Coruña e Vigo e un
último semestre con prácticas en empresas e un traballo final. “A
ciberseguridade non é unha disciplina soamente técnica, senón que
combina análise, xestión organizativa e manexo de situación, é un
eido de coñecemento en construción, polo que existen moitas
posibilidades de desenvolver proxectos e retos profesionais en
colaboración dentro de empresas de campos moi distintos”, explican
os coordinadores da actividade formativa, salientando “a
modernidade, a amplitude e o equilibrio do programa de estudos do
mestrado”. Segundo fan saber, a ciberseguridade debe ser percibida
publicamente “como un elemento básico, pero feble das tecnoloxías
da información, e require unha información especializada tanto no
aspecto técnico como no de xestión”.
Co catedrático de AtlantTIC Fernando Pérez como
moderador, celebrouse a primeira parte da xornada técnica organizada
co gallo da presentación do mestrado, na que se abordou “o valor
estratéxico do máster para a sociedade”. Ignacio Caño,
responsábel de Innovación e Emprendemento de INCIBE, explicou o
labor desenvolvido polo Instituto Nacional de Ciberseguridade de
España e xustificou a posta en marcha do mestrado “en resposta a
unha demanda das empresas nun mundo en transformación dixital e no
que a demanda de solucións en ciberseguridade aumenta”.
Pola súa banda, Iago Fortes, en representación
da Rede Galega de Ciberseguridade, Fernando Súarez, presidente do
Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia
(CPEIG), e Arturo Ribargoda, da Rede de Excelencia Nacional de
Investigación en Ciberseguridade, analizaron as perspectivas de
emprego en Galicia, así como o ámbito da investigación. A xornada
finalizou centrándose nas necesidades formativas e novos modelos
empresariais, contando coa participación de representantes de
Deloitte, ABANCA, Eleven Paths, Grupo PSA e Gradiant.