O MUVI presenta nunha exposición o primeiro videoxogo galego da historia

mércores, 16 de outubro do 2024 S. P.

Dende a Fundación Museo do Videoxogo (MUVI) veñen de anunciar a descuberta do que podería ser a primeira obra dixital ou videoxogo creado por un galego, Álex González, no ano 1986. Trátase de The Wall, publicado e distribuído no mercado no ano 1986, pasando a ser o primeiro título deste tipo con selo galego na súa concepción e desenvolvemento dentro da industria galega. Para dar conta deste acontecemento, que case podería definirse como arqueoloxía dixital, o Museo do Videoxogo situado en Cangas promove unha nova exposición interactiva arredor desta obra, que recolle toda a súa historia e a do seu autor, Álex González, a través de imaxe, texto e son.
En canto á mostra, dicir que poderá ser visitada de balde nos horarios habituais de apertura do MUVI e é o resultado do labor de investigación realizado ao longo dos últimos meses, recollendo e traballando con toda a documentación existente ao redor deste videoxogo e do seu lanzamento. Unha historia fermosa e ata agora descoñecida para o público, cargada de relatos e anécdotas, que muda en boa medida o panorama coñecido até agora da industria do videoxogo galega, e que permite situar o seu nacemento unha década antes do que se viña proxectando até o de agora.
Así, a exposición de The Wall nace con vontade de ser un relato pedagóxico desta primeira pedra no camiño que foi a obra de González, e que despachou máis de 7.000 unidades entre 1986 e 1989 (de xeito oficial). Erbe Software, que era daquela unha das editoras máis relevantes no terreo do software e videoxogos en España, foi a encargada da distribución deste título, en exclusiva para ordenadores MSX e en formato de cinta de casete.
A mostra, xa dispoñíbel nas instalacións do MUVI, é a primeira dunha serie de exposicións temporais que terán como obxectivo poñer aos autores en valor (a súa historia, contexto e anécdotas) a través da súa propia voz, en entrevistas gravadas e preservadas en formato sonoro con finalidade documental e patrimonial.

O xogo en acción