O Lenovo Mirage Solo permitirá gozar de realidade virtual sen cables e con liberdade de movemento

martes, 9 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Non só Oculus está a apostar polos cascos de realidade virtual autónomos baseados en tecnoloxías móbiles, senón que Google xa leva tempo procurando o mesmo obxectivo coa súa plataforma Daydream, á que está a custarlle bastante traballo callar (por contar polo momento con moi poucos smartphones con esta tecnoloxía) e que poderían arranxar co Lenovo Mirage Solo, que promete librarse da dependencia de teléfonos e ordenadores para poder achegar unha realidade virtual libre de cables e cunha boa experiencia inmersiva grazas á súa tecnoloxía de detección de movemento (WorldSense).
O Lenovo Mirage Solo funciona coa plataforma de realidade virtual Qualcomm Snapdragon 835, ten 4 GB de memoria RAM e o seu campo de visión é de 110 graos (como nos cascos de escritorio), aínda que para desatar todo o potencial desta plataforma destaca a mencionada tecnoloxía WorldSense, que mediante sensores no casco permite posicionar ao usuario no espacio, de xeito que será posible moverse con liberdade en contornos virtuais sen a necesidade de depender de sensores externos. Deste xeito os usuarios non só poderán mirar ao seu redor, senón tamén desprazarse e incluso saltar e agacharse, conseguindo unha grande inmersión.
Este novo casco de realidade virtual ten unha autonomía de até 7 horas cunha única carga e soporta longos períodos de uso continuo (a diferenza dos cascos baseados en smartphones, que precisan de tempo para que o móbil arrefríe). Tamén e lixeiro e axustable, e inclúe un mando sen fíos que actúa como extensión da man, operando como un trackpad, facilitando o control de aplicacións e o control do volume, mentres que nalgunhas aplicacións servirá como un control por movemento na liña dos mandos da Wii.
Espérase que o produto chegue ao mercado no segundo trimestre do ano.

PUBLICIDADE