O Lenovo IdeaCentre Q180 chega como un dos ordenadores máis pequenos do mercado
mércores, 23 de novembro do 2011- O equipo mide 22 milímetros de ancho na súa edición sen unidade óptica, aínda que tamén é posible adquirilo cunha gravadora de DVD ou un reprodutor de Blu-ray
Mentres
o mercado está a ser inundado por tablets e Ultrabooks, Lenovo lembrou os
nettops, e vén de estrear o Lenovo
IdeaCentre Q180, un equipo de só 192 x 155 x 22 milímetros (na súa versión
básica) que presume
de ser “o ordenador de escritorio máis
cativo do mundo”, e que parte dun prezo de só 369 dólares (276,38 euros).
Este equipo, pese ao seu tamaño, é capaz de cumprir non só con labores de
ofimática básicas, senón que tamén serve como un completo reprodutor
multimedia, podendo reproducir vídeos en alta definición e sendo incluso
compatible co formato Blu-ray 3D na súa configuración máis elevada.
O Lenovo IdeaCentre Q180 pode configurar ata cunha gráfica AMD Radeon HD 6540A
con 512 Mbytes de memoria, procesador Intel Atom D2500 de dobre núcleo, 4 Gb de
RAM, 750 Gb de disco duro ou 128 Gb nunha unidade SSD, gravadora de DVD ou
lector de Blu-ray, son 7.1, portos USB 2.0 e USB 3.0, lector de tarxetas de
memoria 8-en-1 con soporte do formato SDXC, saídas VGA e HDMI, certificación
Energy Star 5.0 e soporte VESA para poder adherilo á parte traseira dun monitor
(para minimizar o seu impacto no escritorio).
Este ordenador comezará a distribuírse a primeiros do mes de decembro, e a súa
configuración con 4 Gb de RAM, 500 Gb de disco duro, gravador de DVD e saída
HDMI continúa a ter un prezo bastante axustado (429 dólares), dando a entender
que estamos ante un equipo moi atractivo para que queira ter un centro
multimedia no seu salón ou desexa converter un monitor nun ordenador
todo-en-un.