O Laboratorio 5G da AMTEGA e a UVigo inicia a súa actividade cun proxecto de Network Slicing

xoves, 2 de xullo do 2020 S. P.

A Universidade de Vigo e a Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) informaron este xoves 2 de xullo do inicio de actividade do Laboratorio 5G. Faino cun proxecto de innovación de Segmentación de Rede (Network Slicing), que permite aproveitar as características de virtualización do dito estándar móbil para crear redes illadas e adaptadas a necesidades específicas, como por exemplo as das redes especializadas en Internet das Cousas, de banda larga, as do vehículo conectado ou redes privadas para usuarios corporativos, etc.
Estas redes habilitaríanse sobre a mesma infraestrutura coa vantaxe de non ter que despregar novos equipos específicos, engadiu a axencia autonómica, que lembra que o dito laboratorio é unha iniciativa impulsada ao abeiro do acordo asinado en marzo entre a Xunta e Universidade de Vigo.
A AMTEGA e a Uvigo lembran que a Segmentación de Rede é unha das características máis innovadoras do estándar da tecnoloxía 5G, pero, aclaran, “o seu desenvolvemento aínda está nun punto moi inicial a pesar das grandes vantaxes que introduce na eventual compartición de redes, na asignación de largo de banda de acordo cos requisitos de cada usuario en cada momento ou para poder garantir as calidades de servizo acordadas”.
O novo laboratorio ofrece, por unha banda, equipamento específico para realizar todo tipo de probas sobre esta tecnoloxía e, pola outra, asesoramento dos especialistas da Universidade. A súa constitución enmárcase nas actuacións do Nodo 5G, impulsado pola Xunta a través do Plan Galicia 5G, e ao que se adheriu a Universidade de Vigo en 2019, e do que tamén forman parte os operadores Telefónica, Vodafone e R e co que tamén colabora o Observatorio Nacional do 5G.
“Temos equipamento e experiencia e interésanos poñelo ao servizo da contorna que nos rodea, de empresas e institucións que queiran colaborar coa Universidade. É o que damos en chamar a innovación aberta, un espazo de transferencia no que poder sacar partido dos coñecementos que hai na UVigo”, explicaba Felipe Gil no intre de constituírse o laboratorio. Non se trata, remarcaba, “de que empresas e organismos se limiten a empregar as nosas instalacións”, senón que o que se busca e xerar sinerxías, colaborar en proxectos e abrir novas áreas de investigación en liña coas necesidades do tecido empresarial da contorna.

PUBLICIDADE