O LG Zero ofrece deseño coidado e cámaras de calidade a un prezo axustado

martes, 1 de decembro do 2015 Marcus Fernández

LG está a iniciar esta semana a distribución internacional do seu novo LG Zero, un smartphone de carcasa metálica que comezou a venderse en Corea do Sur en setembro e que finalmente podemos mercar en España ofrecendo por un prezo axustado a tecnoloxía de cámara propia de LG, un deseño coidado e unha boa calidade de construción.
Este smartphone con corpo de aluminio ten uns bordes redondeados que danlle un acabado excepcional, e a súa pantalla IPS de 5 polgadas presume dunha boa visibilidade en exteriores (aínda que limita a súa resolución a 1.280 x 720 píxeles). A cámara traseira é de 13 Mpíxeles, e ofrece as prestacións propias dos smartphones de LG (como poder disparar a cámara mediante xestos), aínda que para moitos resultará máis rechamante que a súa cámara frontal sexa de 8 Mpíxeles (pensando en conseguir uns selfies máis nítidos).
O LG Zero funciona cun procesador de catro núcleos a 1,2 GHz, 1,5 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), LTE, Bluetooth 4.1, Wi-Fi N, batería de 2.050 mAh e Android 5.1; o seu grosor é de 7,4 milímetros, pesa 147 e pode mercarse en cor prata ou ouro a un prezo recomendado de 279 euros (aínda que estes días podemos atopar a súa versión en prata a só 198,95 euros).

Xunto co deseño, as cámaras son o punto forte do LG Zero

PUBLICIDADE