O LG V30 preséntase como o móbil coa cámara de vídeo máis prometedora

xoves, 31 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Tras varias semanas debullando as prestacións do seu vindeiro smartphone insignia LG por fin presentou no marco da feira IFA de Berlín o seu novo LG V30, que sería a terceira iteración da familia V, coa que LG segue a estratexia de Samsung de contar con dúas liñas de teléfonos insignia que saen en distintos momentos do ano, de xeito que podemos ver o LG V30 como a versión Premium do LG G6, aínda que cómpre destacar que a serie V non só é unha versión actualizada da G, senón que tamén fai unha aposta máis decidida pola multimedia (tanto na reprodución como na gravación) converténdose nun produto ideal para os que buscan gravar vídeo dende o móbil.
Un dos elementos máis rechamantes do LG V30 é a súa impresionante pantalla OLED FullVision (cunha resolución de 2.880 x 1.440 píxeles) de 6 polgadas cunha relación de aspecto 18:9, mantendo un grosor de só 7,3 milímetros e un peso de 158 gramos, de xeito que sería o smartphone máis lixeiro do mercado na súa categoría. O seu acabado en cristal temperado por diante e por detrás, curvado nos borde, concédelle unha aparencia moi elegante sen prescindir de certa resistencia, xa que conta con Corning Gorilla Glass 5, supera probas de caída dentro do estándar MIL-STD 810G e tamén ten certificación IP68, ou sexa, que é resistente á auga e ao po, sendo capaz de aguantar até media hora a 1,5 metros de profundidade sen experimentar danos.
Este smartphone con procesador Qualcomm Snapdragon 835, 4 GB de RAM, 64/128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 2 TB), Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, NFC, lector de pegadas, USB-C e batería de 3.300 mAh con carga rápida (pode cargarse até o 50% en só 30 minutos) e sen fíos, aposta especialmente polas súas funcións de cámara, de xeito que a súa cámara traseira principal (de 16 Mpíxeles) ten unha apertura sen precedentes (f/1.6) para captar máis luz, o que xunto a un obxectivo Crystal Clear Lens debería conseguir unhas imaxes de elevada calidade, ao que hai que sumar que a cámara traseira secundaria de 13 Mpíxeles, que mantén a súa apertura nun f/1.9, pero pasa dun ángulo de visión de 71 graos a un de 120 graos, podendo captar así moita máis imaxe, na liña do que tamén fai a cámara frontal de 5 Mpíxeles, que chega cunha apertura f/2.2 e un ángulo de visión de 90 graos.
A cámara do LG V30 está acompañada con software de calidade, de xeito que pode tirar proveito de funcións profesionais como efecto cine ou zoom puntual, de xeito que tanto poderemos aplicar filtros de calidade aos vídeos (sen perda de calidade, xa que o vídeo orixinal mantense na gravación) como ampliar a imaxe dun xeito suave, lembrando ao que pode conseguir cunha cámara de vídeo. O móbil tamén conta con sensor HDR10 que consegue un nivel de brillo e contraste impresionante, aínda que para moitos resultará máis atractivo o feito de que o LG V30 integra un micrófono de calidade para capturar son sen distorsión nin amortiguación incluso en ambientes ruidosos.
De feito, o nivel sonoro do LG V30 tamén é notable, xa que integra un Quad DAC de alta fidelidade, que promete un 50% máis de nitidez que un DAC único. Tamén é o primeiro smartphone comercializado globalmente que integra a tecnoloxía MQA (Master Quality Authenticated) que permite a recepción mediante streaming de audio de alta resolución.
Adicionalmente o LG V30 tamén integra recoñecemento facial (para non ter que tocar o teléfono para o seu desbloqueo) e incluso recoñecemento de voz mellorado que pode configurarse para que o asistente de Google só responda á voz do usuario, conseguindo así unha maior eficiencia.
Iniciará a súa comercialización o 21 de setembro en Corea do Sur, chegando acto seguido a Europa, a un prezo aínda por anunciar, aínda que espérase que sexa bastante máis barato que Samsung Galaxy Note8 ou o iPhone que presentarase posiblemente o vindeiro 12 de setembro.

Vídeo de presentación do LG V30

PUBLICIDADE