O LG V10 sae á venda en España

luns, 1 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

O pasado mes de outubro chegou ao mercado surcoreano o smartphone LG V10, un terminal de alta gama moi rechamante por completar a súa xenerosa pantalla IPS Quad HD de 5,7 polgadas cunha pequena pantalla superior de 2,1 polgadas cunha resolución de 1.040 x 160 píxeles que estaría sempre acendida para amosar información de interese sen ter que acender a pantalla principal, e aínda que parecía que non ía rematar de chegar oficialmente ao noso territorio, finalmente sae á venda en exclusiva en El Corte Inglés a un prezo de 699 euros.
O LG V10 é un produto moi salientable máis aló da súa rechamante pantalla de notificacións, estando considerado como o mellor smartphone de LG até o momento, fabricado en aceiro inoxidable e silicona para que o seu exterior sexa ultra resistente (contando tamén con certificación militar ante caídas e unha pantalla de cristal de dobre para protexer o móbil de golpes directos); sorprende por incluír unha batería extraíble de 3.000 mAh (que pode cargarse un 50% en 28 minutos e ao 100% en 85 minutos) e permitir ampliar a súa capacidade interna con tarxetas microSD de até 2 TB (funcionalidades moi pouco presentes en smartphones de alta gama); a súa cámara traseira de 16 Mpíxeles conta con modos de disparo profesionais, mentres que a cámara frontal ten unha apertura de f1.8 e permite tamén disparar imaxe cun ángulo ampliado para fotografías de grupo sen ter que utilizar un pau de selfie; e tamén conta con bloqueo por pegada dixital.
Cómpre salientar que, ao estarmos ante un terminal cunha pantalla de 2.560 x 1.440 píxeles de resolución, a súa potencia tamén ten que ser elevada, de aí que funcione cun procesador Qualcomm Snapdragon 808 a 1,8 GHz, 4 GB de RAM e 32 GB de almacenamento interno, prestacións que o sitúan nun rango de produtos no que practicamente non ten competidores actualmente, polo que o seu retraso en chegar a España non debería afectar á súa percepción como un produto de última fornada.

A cámara traseira do LG V10 ten prestacións profesionais

PUBLICIDADE