O LG V10 aposta polas funcións multimedia e a resistencia
xoves, 1 de outubro do 2015
Destacar
entre os smartphones de alta gama non resulta doado, e para conseguir
converterse en todo un referente LG presentou nas últimas horas o terminal che
conseguirá roubar máis miradas, o
LG V10, un teléfono “deseñado coa creatividade en mente” que xunta
innovacións como unha segunda pantalla frontal, cámara dual frontal e modo
manual de gravación de vídeo. Amais, este smartphone está fabricado en aceiro
inoxidable cunha pel de silicona resistente, converténdose nun dos poucos
teléfonos cun deseño elegante que é resistente ás caídas.
Aínda que o LG V10 empregue como pantalla principal unha ordinaria pantalla IPS Quad HD de 5,7 polgadas, está ten engadida
unha pequena pantalla (de 2,1 polgadas cunha resolución de 160 x 1.040 píxeles)
que estaría sempre acendida a xeito de banda informativa, dando conta da hora,
a data, o estado da batería e a información meteorolóxica, que tamén pode
operar como zona de interacción para lanzar as nosas aplicacións favoritas ou
controlar a reprodución multimedia. Tamén pode resultar práctica para cando
esteamos a utilizar un xogo ou reproducir unha película a pantalla completa,
momento no que esta pantalla secundaria notificará discretamente dunha chamada
ou unha mensaxe de texto, para que podamos decidir se cesar a nosa actividade
principal, se vela interrompida bruscamente.
A nivel de cámara, sorprende ver como o LG V10 conta con dúas cámaras frontais
de 5 Mpíxeles, o que permite facer uns selfies
de 120 graos combinando as imaxes de ambas cámaras e facendo doado que podamos
tomar fotografías en grupo comodamente. Como detalle máis curioso, o smartphone
tamén pode gravar vídeo coas súas tres cámaras á vez.
Precisamente na gravación de vídeo o LG V10 é un produto bastante innovador, xa
que sería o primeiro smartphone en ofrecer gravación de vídeo en modo manual,
permitindo que o usuario poda axustar a velocidade de obturación, os fotogramas
por segundo, a ISO, o balance de brancos e o enfoque durante as gravacións,
poden gravar en tres resolucións (720p, 1.080p e UHD) e dúas relacións de
aspecto (16:9 e 21:9).
O LG V10 tamén conta con funcionalidades de vídeo avanzadas como Steady Record
(gravación con estabilización de imaxe), Snap Video (crear un vídeo combinando
varios vídeo curtos), 15 Sec. Auto Edit (crear un pequeno vídeo eliminando
automaticamente os fotogramas borrosos e as escenas estáticas), Quick Video
Editor (rápido editor que permite seleccionar o tempo que queremos conservar
dun vídeo e a súa velocidade, podendo modificar tamén as súas cores e
engadirlle música de fondo), Quick Share (para poder compartir un vídeo editado
nas nosas redes sociais), Audio Monitor (para axustar a sensibilidade dos tres
micrófonos durante a gravación de vídeo, podendo monitorizalos durante a
gravación e podendo incluso realizar unha gravación direccional) e incluso
integra un filtro anti-vento (propio das videocámaras, para evitar o ruído
provocado polo vento en exteriores).
Para poder gravar os contidos o LG V10 destaca por aceptar tarxetas de memoria
de até 2 TB de capacidade, o que permitiría que se puidese gravar vídeo en ultra
alta definición sen problema. Amais, a súa batería de 3.000 mAh é extraíble, de
xeito que no caso de precisar realizar gravacións durante bastante tempo
poderiamos levar varias baterías cargadas. Estas baterías son compatibles coa
tecnoloxía Quick Charge 2.0 de Qualcomm que permitiría que en só 40 minutos
chegase até o 50% da súa capacidade.
No que á resistencia do terminal se refire, LG destaca que o seu V10 ten un
marco Dura Guard de aceiro de grado aeronáutico 316L, cunha protección
adicional nas esquinas, para conseguir a máxima resistencia. Tamén conta cunha
protección Dura Skin que dá un toque suave e ofrece unha grande resistencia a
pequenos golpes e rabuñaduras. Amais, a súa parte traseira presenta un patrón
de grella deseñado especialmente para conseguir un agarre seguro. Estamos ante un
terminal que cumpriría coas esixencias da certificación MIL-STD-810G de
resistencia ás caídas, o que tamén é toda unha garantía para un tranquilo uso
diario deste smartphone.
O LG V10 tampouco esquece un sensor de pegadas dixitais que desbloquea o
teléfono e acende a pantalla simultaneamente, que tamén funciona con Android
Pay (polo momento, nos EE.UU.), aínda que o terminal continúa a ser compatible
coa funcionalidade Knock Code (que permite desbloquear o smartphone con toques
na súa pantalla).
Baixando ao nivel das súas especificacións, o LG V10 é un terminal con pantalla
IPS de 5,7 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, procesador
Qualcomm Snapdragon 808, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno (ampliable
mediante tarxetas microSD de até 2 TB), cámaras de 16 e 5 Mpíxeles, LTE-A de
categoría 6, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1, NFC, batería de 3.000 mAh con carga
rápida, sistema operativo Android 5.1.1, un grosor de 8,6 milímetros e un peso
de 192 gramos.
Chegará ao mercado coreano este mesmo mes, para distribuírse logo
internacionalmente, estando dispoñible en distintas cores (negro espacial,
branco, beixe, azul océano e azul ópalo).
- O LG V10 venderase con carcasas de distintas cores
Vídeo promocional do LG V10