O LG Optimus Vu chegará a Europa en setembro

luns, 20 de agosto do 2012 Marcus Fernández

O LG Optimus Vu, terminal proposto dende Corea do Sur para facer fronte ao Samsung Galaxy Note grazas á súa impresionante pantalla IPS de 5 polgadas (4:3) cunha resolución de 1.024 x 768 píxeles, dará o seu salto internacional o mes que vén, de xeito que xa non quedará limitado aos mercados coreano e xaponés, senón que tamén estará dispoñible en Europa e outros territorios.
Ao igual que o Samsung Galaxy Note superou os 10 millóns de unidades vendidas en todo o mundo, parece que ao LG Optimus Vu tampouco lle vai nada mal, e dende marzo conseguiu vender medio millón de terminais en Corea e Xapón, demostrando que o seu formato ten unha elevada demanda, de aí que LG se anime a comercializalo agora a maior escala.
O LG Optimus Vu non só ten unha enorme pantalla que o sitúa moi preto dos tablets, senón que tampouco queda curto en potencia (funciona cun procesador nVIDIA Tegra 3) e capacidade de almacenamento interno (32 Gb). Tamén conta con cámaras de 8 e 1,3 Mpíxeles, as súas medidas son de 139,6 x 90,4 x 8,5 milímetros, pesa 168 gramos e, para redondear o produto, chega co sistema operativo Android 4.0.

PUBLICIDADE