O LG LH2300 combina navegación web cunha cámara de 5,1 Mpíxeles

martes, 25 de marzo do 2008 Marcus Fernández

LG anunciou o lanzamento do seu novo teléfono móbil LH2300 Touch Web que parece ser unha adaptación do Casio W53CA para o mercado surcoreano, e que destaca pola súa cámara dixital cun sensor CMOS de 5,1 Mpíxeles, lente de 28 milímetros, corrección de cor, foco autmático de 9 puntos e tecnoloxía anti-choque integrada.

O novo teléfono permite ver páxinas web a unha resolución comparable á dun ordenador

A súa pantalla de 2,8 polgadas ten unha resolución de 800 x 480 píxeles, o que permite unha boa experiencia de navegación pola Internet neste móbil 3G anunciado para o mes de abril e que tamén integra un sintonizador de televisión móbil.
O teléfono tamén conta con 1 Gb de SDRAM, 4 Gb de NAND Flash e lector de tarxetas microSD. Mide 103 x 50 x 18,9 milímetros e pesa 122,5 gramos.
Por desgraza, este impresionante terminal está destinado só para Corea do Sur, pero pode marcar unha tendencia de móbiles con elevadas prestacións multimedia que tamén permitan navegar pola Internet e capturar imaxes de alta calidade, no que supón todo un avance na converxencia de dispositivos.

PUBLICIDADE