O LG G4 ve a luz oficialmente

martes, 28 de abril do 2015 Marcus Fernández

Aínda que hai un par de semanas publicáronse accidentalmente boa parte dos detalles do LG G4, non foi até hoxe que o novo smartphone insignia de LG presentouse oficialmente, con eventos en New York, Londres, París, Singapur, Istambul e Seúl, de xeito que aproximadamente un milleiro de persoas puideron asistir á presentación do sucesor do LG G3, que apostará por mellorar a súa pantalla, a súa cámara e a súa aparencia externa, conseguindo converterse nun terminal máis atractivo, que podería ser un dos grandes éxitos de vendas do presente ano.
O LG G4 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 808 con X10 LTE, 3 GB de RAM LPDDR3, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria microSD), pantalla IPS de 5,5 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles (o que supón 538 puntos por polgada), cámara traseira de 16 Mpíxeles con apertura F1.8 e estabilizador óptico de imaxe, cámara frontal de 8 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1, NFC, USB 2.0 e batería extraíble de 3.000 mAh, polo que sería un dos terminais máis completos do mercado. Tería un grosor de entre 6,3 e 9,8 milímetros (xa que presenta un deseño lixeiramente curvado), pesa 155 gramos, funciona con Android 5.1 e venderase con carcasas de coiro de cor negra, marrón, vermella, azul ceo, beige e amarelo ou carcasas cerámicas de cor gris metalizado, branco cerámico e dourado brillante.
Temos así un smartphone que consegue destacar polo seu deseño (algo cada vez máis importante para non pasar desapercibido no mercado); cunha pantalla lixeiramente curvada (o que debería contribuír a unha mellor ergonomía e resistencia) e cun panel IPS QuadHD altamente sensible; cunha cámara traseira que non só recibe máis luz que o modelo anterior, senón que tamén é capaz de capturar imaxes en RAW; e finalmente non opta polo procesador Qualcomm Snapdragon 810 (do que continúan a escoitarse queixas polos seus problemas de quecemento) de xeito que en vez de 8 núcleos conta con 6.
Este teléfono comezará a comercializarse mañá mesmo en Corea do Sur, pasando en breve a distribuírse a través duns 180 provedores de todo o mundo, con prezos e datas de lanzamento que irán anunciando en cada mercado.

O LG G4 comercializarase en numerosas cores

PUBLICIDADE