O LG G Flex déixase ver nun programa de televisión arxentino

mércores, 23 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Cando hai uns días Samsung presentou o seu novo GALAXY Round deixou claro que a súa forma curvada buscaba conseguir un agarre cómodo pese a estarmos ante unha pantalla de grande tamaño, pero agora temos que LG prepara unha proposta que vai nunha dirección diferente, pois opta por curvar o seu LG G Flex pensando na súa visualización en panorámico, acadando certo efecto envolvente como tamén están a facer os grandes televisores curvos da compañía surcoreana, polo que puidemos ver en primicia nun programa televisivo arxentino.
Resulta curioso que sexa un medio arxentino o primeiro en amosar o produto real e non unha versión renderizada do mesmo, e sorprende que a compañía surcoreana cedese un prototipo do seu novo terminal curvo ao xornalista Federico Ini sen facerlle asinar un acordo de non divulgación, o que permitiu que tanto amosase o dispositivo en pantalla como publicase algunhas imaxes en Twitter nas que podemos ver claramente a curvatura do novo smartphone que é de agardar que presenten en breve (especialmente despois de semellante filtración).
O LG G Flex presentará unha pantalla OLED de 6 polgadas e cámara de 13 Mpíxeles, agardándose que saia á venda en Corea do Sur no mes de novembro.

O novo smartphone puido verse en primicia en Telefe Noticias

PUBLICIDADE