O JooJoo pode mercarse dende Europa por 359 euros

mércores, 28 de abril do 2010 Marcus Fernández

Adiantándose á chegada do iPad, Fusion Garage comeza a aceptar pedidos dende Europa, de xeito que por 359 euros (aos que hai que engadir 15 euros de gastos de envío) podemos xa adquirir o seu polémico tablet JooJoo, o que parece un prezo bastante atractivo, especialmente se repasamos as características deste dispositivo con pantalla de 12,1 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles, procesador Intel Atom N270, tarxeta gráfica nVIDIA ION e sistema operativo baseado en Linux, que destacaría por ser capas de acceder a contido en Flash e a vídeo en alta definición a pantalla completa (para o que sairá unha actualización do seu software en breve.
Existían rumores de que estes dispositivos non están a ter boas vendas, pero hai que recoñecer que ao seu prezo actual son unha alternativa moi atractiva aos ultraportátiles de baixo custo. Amais, o JooJoo demostrou en vídeo ter un rendemento bastante bo para un uso orientado á web, aínda que coma punto en contra temos que a súa autonomía sería dunhas 5 horas (fronte ás 10 do iPad) e o seu peso superior a 1,1 quilogramos (fronte aos 680 gramos do tablet de Apple). En definitiva, que estamos ante un ultraportátil sen teclado e con pantalla táctil que podería atopar o seu público grazas principalmente ao seu prezo.

PUBLICIDADE