O ITG e AGASINT xuntan forzas para impulsar a industria galega de drons

venres, 9 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a Asociación Galega de Sistemas Intelixentes Non Tripulados (AGASINT) veñen de asinar un convenio de colaboración para impulsar a industria galega en materia de drons e outros aparellos aéreos smart. En termos máis concretos, o acordo estipula que o ITG preste asesoramento en Investigación e Desenvolvemento á dita asociación e aos seus integrantes. Na formalización da alianza participaron o director xeral do ITG, Carlos Calvo, o presidente de AGASINT, Luis Aceituno.
Máis polo miúdo, o instituto axudará á asociación en aspectos relacionados co regulamento ligado aos UAV, impulsará proxectos colaborativos de I+D entre membros da asociación e prestará apoio para a intervención de AGASINT en foros e redes de cooperación de transferencia tecnolóxica e apoio á innovación.
En palabras de Carlos Calvo, “esta alianza xorde grazas ao compromiso do Instituto Tecnolóxico de Galicia de impulsar a I+D en Galicia a todos os niveis, e, en particular, no que ten que ver co desenvolvemento da investigación no eido dos sistemas ou vehículos intelixentes non tripulados”. Segundo explicou, deste compromiso tamén abrollaron iniciativas de colaboración tan salientábeis como a Unidade Mixta de Investigación FASTFly (Full Autonomous Systems for UAS) que, impulsada pola Xunta de Galicia, desenvolve o ITG co seu socio SDLE e que “permitirá”, en palabras de Carlos Calvo, “desenvolver tecnoloxía de drons cunha meirande autonomía e con capacidade para operar en escenarios civís complexos”. Trátase, explicou, da única unidade mixta galega especializada neste tipo de vehículos intelixentes e ten a súa sede central na Coruña, nas propias oficinas de ITG.
Aceituno, pola súa banda, sinalou que “co apoio dunha institución como ITG, comprometida co desenvolvemento tecnolóxico de novos sistemas intelixentes non tripulados, e contando coas potencialidades das empresas asociadas a AGASINT, daremos un impulso exponencial nos avances funcionais dos produtos finais conseguindo despregar novos servizos e un aumento na seguridade e fiabilidade”.

PUBLICIDADE