O ITG converterá Galicia nun referente en drons seguros, autónomos e fiábeis

mércores, 3 de marzo do 2021 S. P.

O Instituto Tecnolóxico de Galicia na Coruña acolleu este 3 de marzo a visita de Francisco Conde, vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, e Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación. O motivo? A presentación dos detalles da segunda fase do proxecto FASTFly 2035 (Full Autonomous Systems for UAS), unha UMI impulsada pola Xunta a través da cal séntanse os alicerces de drons máis fiábeis, seguros e viábeis para os operadores.
O proxecto ten firmes piares na Intelixencia Artificial (IA), na robótica, na electrónica e nas comunicacións máis avanzadas. A Unidade Mixta de Investigación está formada polo ITG e SDLE. É a primeira alianza galega empresarial das súas características especializada en naves non tripuladas.
Segundo fixeron saber o ITG e SDLE, esta segunda fase do proxecto iniciado en 2017 centrarase fundamentalmente en tres eixos: a evolución de sistemas para a asistencia á aterraxe dos drons; a xestión intelixente de diversas fontes de enerxía do vehículo aéreo e a súa carga autónoma; e a automatización de funcións que complementen aos sistemas de comando e control.
No marco da iniciativa realizaranse diferentes ensaios e demostracións de maneira coordinada co Polo Aeronáutico de Galicia, “contribuíndo así ao emprazamento da Comunidade como referente internacional no segmento dos avións non tripulados para uso civil”, explicaron.
Para Carlos Calvo, director xeral de ITG, “como centro tecnolóxico galego, temos o firme compromiso de traballar no desenvolvemento de solucións que axuden a aumentar a competitividade do sector das aeronaves non tripuladas en Galicia. Esta UMI é un claro exemplo da importancia da colaboración para alcanzar solucións innovadoras que sitúen a Galicia como referente no sector”.
Francisco Conde, pola súa banda, sinalou que o Polo Aeroespacial de Galicia e esta Unidade Mixta demostran “que a nosa terra pódese situar na vangarda desta industria cuxo principal reto é a operatividade e funcionalidade dos vehículos aéreos non tripulados”.
Comando, control e operación autónoma
Segundo explicaron o ITG e SDLE, será obxectivo de Fastfly 2035 avanzar no ámbito dos voos totalmente remotos. En concreto, a idea é facilitar a programación de desprazamentos aéreos de xeito que os vehículos “poidan voar sós”, sen ningún tipo de asistencia. “Isto será posíbel grazas á experiencia de ITG no desenvolvemento de SW de Comando e Control (GCS)”, informou o instituto galego.
Asistente intelixente para a aterraxe
FASTFly 2035 vaise centrar tamén en seguir aumentando a autonomía dos drons para que poidan voar en escenarios con grandes distancias e con menor necesidade de intervención humana, reducindo de maneira considerábel os custos operativos e aumentando a seguridade do voo ao diminuír os riscos derivados do factor humano.
Neste sentido, o ITG quere ir máis aló e, ademais de seguir mellorando os puntos de aterraxe, recarga e comprobación autónomos (niños ou Drone in a Box) que se distribúen en distintas localizacións dun percorrido específico, desenvolverá sistemas de IA que permitan que o aparello poida identificar e tomar terra con gran precisión e seguridade en puntos de aterraxe no caso de que se produza algún imprevisto durante o voo. “Desta forma, poderanse realizar desprazamentos aéreos máis intelixentes e complexos, ademais de totalmente autónomos”, engade o ITG.
Drons que controlan e xestionan a súa fonte de enerxía
Outro dos eixos estratéxicos nos que vai avanzar FastFly 2035 é na xestión da enerxía dos drons. Como novidade ensaiaranse sistemas que, ademais de baterías de litio incorporen pilas de hidróxeno, estes sistemas híbridos suporán unha menor dependencia dos niños de recarga, menor ruído e unha diminución de emisións de CO2.

PUBLICIDADE