O IGFAE e o CESGA mostran como converternos en creadores de algoritmos e circuítos cuánticos

xoves, 9 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

Na computación cuántica está a gran resposta aos problemas complexos da humanidade que, polas limitacións da computación clásica, non puideron ser resoltos até o de agora da maneira máis eficaz e satisfactoria. Esta nova orde do cálculo avanzado centrará os días vindeiros un curso organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago. A actividade formativa, que se celebra na sede do IGFAE entre o 20 e o 23 de xaneiro, introducirá aos asistentes nos conceptos básicos da computación cuántica. Está destinado a investigadores, profesores, profesionais do CIT e estudantes. Permitiralles adquirir os coñecementos precisos para desenvolveren por si mesmos os seus propios algoritmos e circuítos cuánticos.
Segundo informa o instituto sobre o miolo das materias a impartir, a computación cuántica representa “un cambio importante de paradigma, onde o concepto de bit transfórmase nun bit cuántico, ou qubit, que ofrece unha enorme capacidade de almacenamento e procesamento de información”. As inscrición poden formalizarse a través desta ligazón e desenvolverase en horario de 17.00 a 20.00 horas. Os materiais do curso, incluíndo presentación e exercicios, estarán dispoñíbeis para a súa descarga o mesmo día do inicio do curso. O curso está organizado polo IGFAE coa colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Os contidos serán impartidos polo investigador e experto en tecnoloxías de cómputo de alto rendemento Andrés Gómez Tato, responsábel de Aplicacións e Proxectos do CESGA.

PUBLICIDADE