O IGAPE apoia o último proxecto de Dygra con máis de 3 millóns de euros

martes, 27 de outubro do 2009 Raquel Noya

O consello de dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, presidido polo Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, vén de aprobar, na súa última reunión, a concesión de 6 operacións de préstamo por importe conxunto de 8.957.100 euros para apoiar investimentos empresariais cifrados en máis de 25 millóns de euros, entre os que destaca o proxecto da produtora audiovisual Dygra, que está a impulsar a realización da longametraxe Holy Night, unha comedia que contrapón a tradición europea do Nadal coa anglosaxona.
Trátase dun filme de animación 3D para proxección en salas 3D estereoscópicas ou convencionais que vai ser apoiado polo IGAPE cun préstamo de 3,1 millóns de euros.
E é que o proxecto merece todo canto se faga por el xa que coa súa cuarta película de animación, cuxa estrea está prevista para este Nadal, a produtora galega pretende estar á altura dos máis grandes de Hollywood, situándose á vangarda tecnolóxica do sector audiovisual a carón de outros grupos como Dreamworks, Disney, Sony, Warner ou Fox.
Manolo Gómez, fundador e único propietario de Dygra Films, aseguraba, nunha entrevista concedida ao xornal Cinco Días o pasado ano, que esta tecnoloxía “supón a próxima gran revolución do cine, logo da aparición da cor nos anos cincuenta”; O ano clave para o seu despegue será o 2009”, apostaba , “e nós estaremos alí”, concluíu.
Con este sistema, o espectador recibe dúas imaxes a un mesmo tempo, unha para cada ollo, que o cerebro interpreta e convirte en tres dimensións grazas á axuda duns anteollos polarizados. A diferenza dos actuais sistemas 3D, a proxección é dixital, non analóxica, co cal non hai ningún tipo de disrupción e ademais, o espectador recibe 144 imaxes por segundo en vez dos 24 tradicionais.

PUBLICIDADE