O Huawei P40 Pro+ sairá á venda o día 25 a 1.399 euros

mércores, 10 de xuño do 2020 Marcus Fernández

Huawei presentou en marzo os seus novos móbiles insignia, lanzando o Huawei P40 e P40 Pro o 7 de abril, e deixando pendente para este mes o seu terminal de máis alta gama, o Huawei P40 Pro+, que busca competir con Samsung Galaxy S20 Ultra, e que finalmente chegará ás tendas o vindeiro día 25 a un prezo de 1.399 euros.
Este novo smartphone con pantalla OLED de 6,58 polgadas, procesador Kirin 995, 8 GB de RAM, 512 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 256 GB), 5G, WiFi 6, Bluetooth 5.1, NFC, batería de 4.200 mAh con carga rápida de 40 watts e resistencia ao po e á auga con certificación IP68, que busca destacar polas súas cámaras. Se ben a súa cámara frontal de 32 Mpíxeles apoiada por un sensor de profundidade non resulta especialmente rechamante, a cámara traseira é moi completa, cun sensor principal de 50 Mpíxeles, un sensor de ultra grande angular de 40 Mpíxeles, unha cámara SuperZoom de 8 Mpíxeles (con zoom óptico de 10x), un teleobxectivo de 8 Mpíxeles (cun zoom de 3x) e un sensor de profundidade 3D, así como estabilización de imaxe (OIS e AIS), que non só dispara imaxes moi detalladas, senón que tamén pode gravar vídeo 4K a 60 imaxes por segundo.
Estamos ante un terminal moi completo e que podería estar chamado a ser o grande referente do mercado de móbiles con Android se non fose porque carece dos servizos de Google, detalle polo que moitos consumidores consideran inaceptable nun dispositivo nese rango de prezo.

PUBLICIDADE