O Huawei MatePad Pro preséntase como unha alternativa ao iPad Pro, pero sen os servizos de Google

luns, 25 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Aínda que a situación entre Huawei e os EE.UU. segue sen solucionarse, a compañía chinesa non cesa de presentar novos produtos, sendo bastante curioso que ousasen estrear a nova MatePad Pro, unha tableta que semella orientada a competir co iPad Pro de Apple, pero que polo momento tería dificultades para comercializarse no noso mercado xa que non inclúe os servizos de Google preinstalados.
Esta potente tableta ten unha orientación profesional, de xeito que pode completarse cunha funda-teclado e cun lapis dixitalizador (chamado M-Pencil), funciona cun procesador Kirin 990 (procesador empregado nos potentes Mate 30 e Mate 30 Pro); a súa pantalla IPS de 10,8 polgadas ten unha resolución de 2.560 x 1.600 píxeles e un marco de só 4,9 milímetros, integra unha cámara frontal de 8 Mpíxeles mentres que a súa cámara traseira é de 13 Mpíxeles, ten 4 altofalantes Harman Kardon, o seu grosor é de 7,2 milímetros, pesa 460 e a súa batería de 7.250 mAh soporta carga rápida a 40 watts por cable e a 15 watts mediante indución.
A versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento véndese por un prezo que parte dos 3.299 iuans (426 euros), mentres que a versión máis completa, con 8 GB de RAM, 256 GB de almacenamento, teclado e lapis chegaría a custar 4.499 iuans (581 euros).
Polo momento non se sabe se remataremos vendo este produto en Europa, xa que dependerá principalmente da posibilidade de integrar os servizos de Google neste dispositivo.

PUBLICIDADE