O Huawei Ascend Mate terá unha pantalla de 6,1 polgadas

luns, 24 de decembro do 2012 Marcus Fernández

O calendario tecnolóxico internacional comeza o vindeiro 8 de xaneiro coa celebración do CES en Las Vegas, e un par de semanas antes podemos ver grazas a unha páxina web chinesa o que será unha das grandes sorpresas do evento, o novo móbil Huawei Ascend Mate, que vén de ser amosado nunha tenda chinesa en Guangzhou por un directivo de Huawei, e que sorprende por contar cunha pantalla Full HD de 6,1 polgadas, o que supón un incremento de tamaño dos dispositivos alcumados como phablets ou tabletófonos, de xeito que agora a barreira que distingue tablets de smartphones parece quedar fixada nas 7 polgadas.

Richard Yu amosando o novo móbil nunha tenda chinesa

Segundo os distintos rumores, o novo dispositivo contará cun procesador de catro núcleos a 1,8 GHz, terá un grosor de 9,9 milímetros, unha impresionante batería de 4.000 mAh e un prezo inferior aos 3.000 iuans (uns 364 euros). Haberá que agardar ao CES para coñecer máis detalles do Huawei Ascend Mate, así como para ver cal é a reacción do público ante un móbil que está a adoptar un tamaño que para moitos resultará ridiculamente grande, e táctica que podería resultar atinada para que o fabricante chinés poida conseguir destacar nun mercado cada vez máis competitivo, que está dominado por Samsung e Apple.


O novo tabletófono visto en vídeo

PUBLICIDADE