O Honor Magic7 Pro busca facerse un oco entre os mellores móbiles de 2025

mércores, 15 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

Honor trae a Europa un novo smartphone insignia, o Honor Magic7 Pro, que chega ao mercado a un prezo de 1.299 euros (aínda que susceptible de recibir descontos de 200-400 euros), deixando claro que estamos ante un dispositivo de alta gama que busca imporse co seu procesador Qualcomm Snapdragon 8 Elite e o seu apartado fotográfico.
Este novo teléfono ten unha pantalla de 6.8 polgadas cun refresco variable de até 120 Hz e un brillo máximo puntual de 5.000 nits (1.600 nits se falamos de brillo máximo en toda a pantalla) que agocha un lector de impresións dixitais ultrasónico 3D (aínda que tamén permite o desbloqueo biométrico mediante recoñecemento facial 3D), acompañado este excelente apartado visual cun son excepcional, pois incluso conta cun subwoofer para son envolvente.
O Honor Magic7 Pro está equipado cunha cámara traseira tripla, cun sensor principal de 50 Mpíxeles, estabilización óptica e IA, un ultra grande angular tamén de 50 Mpíxeles e un teleobxectivo de 200 Mpíxeles con zoom óptico de 3x (e zoom dixital de até 100x); mentres que a cámara frontal ten un sensor de 50 Mpíxeles e unha cámara de profundidade 3D para facilitar o mecanismo de desbloqueo facial.
Está equipado cunha batería de silicio-carbono cunha capacidade de 5.270 mAh, carga rápida de 100 watts por cable e 80 watts por indución; e chega unicamente nunha versión con 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento.
O dispositivo promete grandes funcións sustentadas na intelixencia artificial (Honor AI) como Portal Máxico (versión do Circle to Search), detección de deepfakes de IA (para protexer ao usuario de calotes), tradución automática mediante IA, edición de fotografía mediante IA (para borrar obxectos non desexados, estender o contido dunha imaxe para mellorar o seu encadrado e a posibilidade de realizar recortes rápidos), creación de notas de texto mediante voz, redución de ruído e fugas de son en chamadas, creación de avatares tridimensionais e integración do asistente Google Gemini.
En definitiva, temos un impresionante móbil de gama alta, para usuarios esixentes, para o que a propia compañía ofrece unha alternativa económica, o Honor Magic7 Lite, que cun procesador moito máis modesto (o Snapdragon 6 Gen 1), 8 GB de RAM, 256/512 GB de almacenamento, unha cámara traseira dual (cun sensor principal de 108 Mpíxeles e un grande angular de 8 Mpíxeles) e batería de 6.600 mAh con carga rápida de 66 watts, consegue conter o seu prezo en 369/399 euros (coa opción de recibir uns auriculares valorados en 149 euros por só 1,9 euros durante o proceso de compra anticipada).

Vídeo promocional do Honor Magic7 Pro