O Honor Magic 2 preséntase como un dos novos móbiles todo pantalla

mércores, 31 de outubro do 2018 Marcus Fernández

A segunda marca de Huawei vén de presentar o seu novo smartphone insignia, o Honor Magic 2, polo momento só dispoñible para o mercado chinés a un prezo de 3.799 iuans (481 euros) no seu modelo con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, de 4.299 iuans (544 euros) con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento e de 4.799 iuans (608 euros) con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, deixando claro que a marca Honor tamén pode apuntar alto en prezo e prestacións.
Este novo smartphone chega cun procesador Kirin 980, pantalla AMOLED Full HD+ de 6,39 polgadas e unha curiosa configuración de cámaras, contando con cámara traseira tripla (unha cámara principal de 16 Mpíxeles, unha cámara monocromo de 24 Mpíxeles e unha super grande angular de 16 Mpíxeles) mentres que na súa frontal presenta unha cámara de 16 Mpíxeles apoiada por un par de cámaras de apoio de 2 Mpíxeles para conseguir distintos efectos e que destaca por estaren agochadas nun módulo deslizante, o que, sumado a un lector de pegadas detrás da pantalla e tecnoloxía de recoñecemento facial 3D, permite que esteamos ante un dos cada vez máis frecuentes móbiles todo pantalla.
Este novo teléfono tamén conta con dobre nano SIM, NFC, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0 e batería de 3.500 mAh con carga rápida por USB-C (capaz de completar o 85% da súa carga en 30 minutos). Ao prescindir de toma de auriculares, inclúe un adaptador de USB-C a jack de 3,5 milímetros.

Vídeo de presentación do Honor Magic 2

PUBLICIDADE