O Honor 90 chega con cámara de 200 Mpíxeles
xoves, 6 de xullo do 2023
A marca Honor
segue empeñada en achegar dispositivos ao mercado europeo tentando satisfacer
aos consumidores partidarios de Huawei, e para iso trae agora a España o
atractivo Honor 90, un
smartphone con conectividade 5G e acceso aos servizos de Google que destaca por
contar cunha cámara cunha valoración comparable á dun Pixel 7, un Galaxy S23
Ultra ou mesmo un iPhone 13 Pro, pero cun prezo moito máis contido, xa que o seu modelo con 8 GB de
RAM e 256 GB de almacenamento véndese a 549 euros, mentres que o modelo con
12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento só custa 50 euros máis.
O Honor 90 presume dunha cámara principal de 200 Mpíxeles (apoiado por unha
cámara macro e grande angular de 12 Mpíxeles e unha cámara de profundidade de 2
Mpíxeles) e unha cámara frontal de 50 Mpíxeles, que co motor de imaxes de Honor
consegue unhas instantáneas de grande calidade. Ten un modo retrato moi
coidado, permite rexistrar fotos en movemento e facilita a creación de imaxes
GIF animadas, entre outras funcións que deixan clara a orientación deste móbil
á imaxe.
A pantalla deste smartphone tamén é digna de mención, cun panel Super AMOLED de
6,7 polgadas cun brillo máximo de 1.600 nits, un refresco de 120 Hz e unha
resolución de 2.664 x 1.200 píxeles, que converten a este móbil nun dispositivo
moi acaído para a reprodución de contidos con alto rango dinámico.
O smartphone funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 7 Gen 1, que é o
elemento que sitúa a este móbil na gama media. Ten unha batería de 5.000 mAh
con carga rápida de 66 watts e tamén destaca polo seu sistema de condución de
refrixeración en todas as zonas para conseguir disipar a calor e así poder
manter o rendemento do dispositivo.
Cómpre salientar que este móbil tamén coida moito o seu deseño, con certa
inspiración no mundo da xoiaría, estando dispoñible en varias cores, e
pretendendo claramente dar a impresión de que estamos ante un dispositivo de
alta gama, xa que as concesións que realiza para conter o seu prezo non son
algo que poida percibirse visualmente.