O Honor 10 chega como a alternativa económica ao Huawei P20

martes, 15 de maio do 2018 Marcus Fernández

Esta mañá presentouse en Londres o smartphone Honor 10, que podería considerarse como unha versión económica do Huawei P20, xa que o seu prezo queda en 399 euros para o modelo con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento e 449 euros con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento (mentres que o equivalente a este último baixo a marca Huawei custaría 200 euros máis). Este teléfono saíu á venda hoxe mesmo, incluíndo a España entre os seus países de lanzamento.
O Honor 10 conta cunha pantalla infinita de 5,84 polgadas (en formato 19:9), a súa cámara traseira dual de 24 e 16 Mpíxeles con apertura f/1.8 asegura empregar intelixencia artificial para uns mellores resultados (para o que conta cunha unidade de intelixencia artificial NPU independente), a súa cámara frontal de 24 Mpíxeles tamén tira proveito da intelixencia artificial para conseguir vos selfies (incluíndo tamén os modos de iluminación en retratos dos que presumía o iPhone X), permite o desbloqueo de pantalla mediante recoñecemento facial, integra un lector de pegadas dixitais agochado tras a parte inferior da pantalla que ao empregar ultrasóns incluso facilita o desbloqueo coas mans molladas, a súa batería de 3,400 mAh conta con carga ultrarápida (cárgase pola metade en só 25 minutos) e conta tamén con NFC.
Está equipado cun procesador Kirin 970 e como sistema operativo ten Android 8.1 coa capa de personalización EMUI 8.1. O seu grosor é de 7,7 milímetros, pesa 153 gramos e véndese con carcasas de cor azul, gris negro ou verde. Cómpre destacar que no seu deseño optaron por que a cámara frontal estivese integrada nunha pestana superior, na liña do iPhone X, móbil co que este terminal parece querer compararse.

A carcasa do Honor 10 presenta cores vivas dende todos os ángulos grazas ao que chaman Aurora Glass

PUBLICIDADE