O HomePod de Apple non verá a luz este ano

venres, 17 de novembro do 2017 Marcus Fernández

Os seareiros dos produtos de Apple teñen unha mala nova, pois un dos produtos anunciados pola compañía de Cupertino a primeiros de xuño, o altofalante conectado HomePod, que tiña previsto chegar a tendas de Australia, Reino Unido e EE.UU. en decembro a un prezo de 349 dólares adía o seu lanzamento até primeiros de 2018, de xeito que a súa posible comercialización en España quedaría aínda máis lonxe.
Estamos ante unha nova bastante mala para moitos, que lembra ao que aconteceu cos AirPods (auriculares sen fíos que adiaron moito o seu lanzamento e tardaron meses en normalizar a súa presenza en tendas por falta de existencias) xa que deixarían pasar a campaña de Nadal, o que era unha boa oportunidade para colocar no mercado un produto deste tipo, mentres que xa poden mercarse produtos semellantes de Amazon, Google e Sonos.
En calquera caso estamos ante unha preocupación que afecta principalmente a países nos que falan inglés, xa que os asistentes para altofalantes conectados polo momento só compiten na lingua de Shakespeare, quedando aínda por comezar a guerra por facerse con dominio deste tipo de produtos noutras linguas.

PUBLICIDADE