O HTC U12+ conta con 4 cámaras e sensibilidade á presión

mércores, 23 de maio do 2018 Marcus Fernández

O HTC U12+ ve hoxe a luz, cun deseño novo con botóns sensibles á presión, unha nova experiencia táctil intelixente, bordes interactivos que facilitan o control cunha soa man e con acento na calidade do seu son (tanto con auriculares como con altofalantes) e cámaras de calidade (conseguiu unha puntuación de 103 en DxOMark, quedando só por detrás do Huawei P20 Pro).
Este móbil con pantalla Super LCD de 6 polgadas cunha resolución de 2.880 x 1.440 píxeles e soporte de HDR10 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 845, 6 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria microSD) e Android 8.0; conta con resistencia ao po e á auga (IP68), conectividade Wi-Fi AC, Bluetooth 5 e NFC; e a súa batería de 3.500 mAh pode cargarse por USB-C (contando con carga rápida que permítelle completar a metade da súa carga en 35 minutos).
No que se refire á cámara, optou por cámaras duais en ambos lados, de xeito que na súa frontal incorpora sensores de 12 e 16 Mpíxeles e na traseira ten dous sensores de 8 Mpíxeles. Presume de zoom óptico de 2x, do uso de desenfoque de fondo e tamén de HDR Boost 2 (efecto co que consegue fotografías máis nítidas e frescas).
Na gravación de vídeo tamén destaca por gravar vídeo en 4K a 60 imaxes por segundo e contar tamén con zoom automático para a imaxe e zoom para o son (permitindo centrar a gravación nun son determinado dunha escena).
Aínda que a pantalla e as cámaras son elementos que permiten ao HTC U12+ situarse ben entre a competencia, o realmente diferenciador e o feito de responder á presión da man sobre o terminal, ou sexa, que podemos realizar accións como disparar unha fotografía, abrir o asistente de voz ou ampliar un mapa con só apertar o móbil coa man.
O prezo deste interesante smartphone será de 799 euros, chegando só na súa versión con 64 GB de almacenamento, mentres que en EE.UU. terá tamén versión con 128 GB de capacidade.

Vídeo promocional do HTC U12+