O HTC U11 EYEs aposta pola dobre cámara frontal
luns, 15 de xaneiro do 2018
O ano pasado o HTC U11 chamaba a atención ao incorporar entre
as súas prestacións un novo xeito de interactuar co dispositivo, xa que permitía
a realización de acción apertando o terminal, e agora o produto estrea unha
variante chamada HTC
U11 EYEs que como grande novidade inclúe dobre cámara na súa parte frontal
(de 5 Mpíxeles), permitindo así disparar selfies
espectaculares grazas ao efecto de profundidade de campo axustable (para poder
desenfocar o fondo), modos de beleza e incluso a posibilidade de aplicar
adhesivos para conseguir divertidos resultados.
Pero este novo smartphone no queda aí, senón que tamén aperta novas tendencias
de mercado como estirar a súa
pantalla até as 6 polgadas adoptando unha relación de aspecto 18:9 e incluíndo
tamén desbloqueo facial de pantalla. No que se refire á cámara traseira, mantén
a cámara de 12 Mpíxeles con tecnoloxía UltraPixel 3 do modelo anterior,
considerada como unha das mellores do mercado. Para o vídeo tamén integra
tecnoloxía de estabilización de imaxe e redución de ruído, que xunto cun
enfoque automático ultra-rápido consegue capturar momentos cunha calidade de
vídeo excelente.
No aspecto sonoro, o HTC U11 EYEs mantén a calidade do HTC U11, con HTC USonic
(tecnoloxía que rexistra a forma interior do ouvido para crear unha experiencia
sonora personalizada) e cancelación de ruído activa (que busca compensar o son
ambiental) e incluso conta cuns altofalantes de grande calidade.
Este teléfono apertable tamén conta
con protección IP67 contra o po e a auga, funciona cun procesador Qualcomm
Snapdragon 652, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno, Wi-Fi AC, Bluetooth
4.2, NFC; e a súa batería de 3.920 mAh (con Quick Charge 3.0) garántelle unha
excelente autonomía.
Sae á venda
hoxe en China a 3.299 iuans (418 euros), descoñecéndose polo momento o seu
prezo en Europa.
- O HTC U11 EYEs pode desbloquearse co rostro do usuario